O hotel virtual Amateurs lanza o seu segundo libro colectivo

martes, 8 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

A publicación literaria segue a buscar o seu camiño na Rede, parecéndose cada vez máis a outros conceptos coma o freelancing, coworking, o crowdworking, o código aberto e o traballo en man común e participativo. E botando man, amplamente, de metodoloxías como o crowdfounding, unha fórmula que recupera de tempos inmemoriais a práctica do mecenado para aplicala aos novos tempos dixitais e en clave colectiva. O caso é que semella haber marxe para a experimentación, non só creativa, senón a nivel distributivo. Un exemplo disto é Amateurs, un libro de poemas, contos e fotografías feito por moitas mans (unha boa parte delas galegas) que agora presenta nova entrega en papel abeirándose aínda máis ao aberto e ao solidario. E contando unha vez máis coa editorial de Lugo Producciones El Quinto Piso (P5P).
A raizame do proxecto (agora definitivamente achegando unha serie de lanzamentos literarios e colectivos que se prevé longa) está no hotel virtual Amateurs Hotel, un acubillo artístico e dixital que tamén é comunidade 2.0 de creadoras e creadores onde todas e todos temos a porta aberta coas nosas respectivas achegas (fotografías, collages, relatos, poemas, novelas, ensaios, ilustracións, etc) e do que xa abrollaron primeiramente un bo número de revistas en liña. Logo veu a primeira entrega en papel, da que falamos en detalle en Código Cero, e a continuación (agora) a segunda, Amateurs #02, que tamén é o resultado do proxecto cultural e social Un libro para ti, un para a biblioteca pública, igualmente xurdido ao abeiro do Amateurs Hotel. Este proxecto, unha iniciativa sen arela de lucro, consiste en que por cada exemplar mercado na Rede se faga doazón doutro a unha biblioteca, “axudando a sensibilizar sobre a importancia das bibliotecas, dotándoas dun fondo máis amplo e difundindo novos talentos en fotografía, ilustración, poesía e relatos curtos”. En definitiva, “facendo lectores dunha forma innovadora e apoiando pola vía crowdfounding que se faga un libro e que chegue á máxima cantidade de xente posíbel”. Neste caso, contribuíron a facer realidade a segunda entrega de Amateurs e o devandito proxecto un total de 150 mecenas en liña.

PUBLICIDADE