O grupo social Pont-e súmase ás parodias da campaña de Loewe cun vídeo de seu

venres, 23 de marzo do 2012 Raquel Noya

Unha secuencia do vídeo promocional

Que o vídeo da campaña de autopromoción de Loewe ía traer cola na Rede xa o vimos vir ao momento de abrilo. De feito non tardaron nadiña en aparecer críticas en tódalas redes sociais do país e mesmo un vídeo parodiando a estratexia de marketing seguida polos publicistas (non sabemos se adrede ou se foi froito de mentes inocentes que viven no mesmo país multicolor que o dos seus protagonistas).
O certo é que o grupo social Pont-e, formado por alumnos e alumnas do último curso de Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo, non quixeron deixar pasar a oportunidade de publicar un vídeo viral de seu no que tamén parodian a devandita campaña, aproveitando así o tirón que o fenómeno está a ter aínda nas redes sociais.
Xa que logo, o grupo dirixido pola profesora Isabel Suárez, rodou e montou unha peza chea de humor e ironía con algúns dos seus membros como protagonistas, que tamén está a ter unha boa repercusión na Rede, e que xa recibiu as felicitacións de moitos compañeiros do gremio.
Porén segundo lemos no DUVI, dende o grupo Pont-e queren deixar claro que este vídeo viral non pretende ser unha “simple parodia do anuncio orixinal”, senón achegar unha crítica construtiva “sobre unha acción publicitaria inadecuada que está creando un público refractario” afirman.
A peza promocional de Pont-e, de máis de tres minutos de duración, recrea personaxes e situacións reflectidas no orixinal porén con diálogos cheos de retranca galega, cos que, de xeito indirecto, dan a coñecer a actividade do grupo entre a comunidade internauta e crean a imaxe de marca de Pont-e.
Alén disto, a profesora Suárez sinala que a campaña tamén lle serviu aos estudantes “como experiencia profesional para vivir en primeira persoa como é a xestión da comunicación online”.
O resultado foi unha acción publicitaria “multimedia e multiplataforma”, engade, na que o alumnado non só se ocupou da planificación estratéxica a través de Internet, senón que foi quen de “pensar unha idea, guionizala, rodala, montala e difundila”, aclara Suárez.
Dende que se colgou na Rede o pasado mércores, o vídeo xa recibiu máis de 2.000 visitas e comentarios positivos de multitude de usuarios.

PUBLICIDADE