O grupo galego Femxa traballa no desenvolvemento dun simulador de riscos laborais adaptábel para múltiples situacións

martes, 26 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías desenvolvidas dende a nosa terra seguen no seu camiño de botar unha man aos sectores da súa contorna. No caso da iniciativa da que imos falar a continuación, un simulador virtual desenvolvido por FCC e o grupo galego Femxa, do que se trata é de botar unha man ao sector da construción e máis polo miúdo aos seus traballadores, de feito o simulador en cuestión vai dirixido a velar pola súa seguridade. Segundo nos lembran FCC e Femxa, estes profesionais están hoxe en día entre os máis expostos a padecer riscos laborais de de gravidade. “Durante o período que vai de xuño de 2012 a maio de 2013, producíronse 42.077 accidentes leves e 553 de carácter grave, mentres que 66 terminaron en morte”, informan.
A iniciativa na que traballan as dúas empresas consiste nunha aplicación que recreará situacións de perigo específicas para cada obra. Con ela, informa Femxa dende a súa sede de Vigo, búscase aumentar a sensibilización do persoal, mediante o uso das novas tecnoloxías da información. O programa, entre outras cousas, reproduce escenarios cotiáns relacionados co posto de traballo (demolicións, escavacións, uso de maquinaria pesada, traballos en altura), “o que axuda a identificar riscos e a actuar de maneira axeitada e segura nunha situación real”, explica a firma que preside Patricia García. E engádenos a propia García: “A gran vantaxe que supón o uso da realidade virtual, como ferramenta formativa, é que durante a aprendizaxe o traballador non se ve exposto a situacións que poñan en perigo a súa seguridade e a súa saúde”.
Un dos piares fundamentais deste desenvolvemento é a súa achega formativa. De feito, o seu compoñente formativo é a clave de todo o traballo, amais do compoñente tecnolóxico-dixital (o xeito de achegar esa formación do xeito máis eficaz posíbel). Para FCC e Femxa, “un traballador formado é un traballo seguro, tanto para el como para os seus compañeiros”. As novas tecnoloxías, neste senso, xogarían o papel de reforzadoras da mensaxe. Ou, se se quere, de canles informativas fluídas, amplas e efectivas.
Porén, as dúas empresas tamén advirten que o uso de simuladores non ten porqué substituír os formatos tradicionais, máis ben do que se trata é de achegar un complemento excepcional para os alumnos-profesionais. Estes, xa mergullados no simulador, deberán enfrontarse de maneira intuitiva aos diferentes situacións laborais, a xeito de retos, igual que se se tratase dun videoxogo. Ademais, ao aloxarse nun computador pode consultarse en calquera intre.
Segundo explicaron FCC e Femxa, antes do comezo do desenvolvemento do simulador, analizaranse miles de datos de sinistros laborais, así como a súa relación coas diversas situacións posíbeis que se poden atopar nunha obra. O proxecto, bautizado co nome de SEIRCO, será financiado polo Programa Feder-Innterconecta e conta, ademais, coa colaboración de Imatia e o DASA, pertencente ao Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidade de Vigo, como socios tecnolóxicos.
Para o Grupo Femxa estamos sen dúbida ante un simulador de simuladores. Ou sexa, que temos unha plataforma orixinal adaptábel até o infinito (pódense facer esta base as modificacións oportunas para adaptala a calquera situación particular). “Existen centros onde os traballadores poden realizar prácticas con materiais reais, pero ese adestramento só contempla casos xerais; nós cremos que, se cada obra ten asociados uns riscos específicos, deberíase ofrecer formación diferenciada segundo as características das mesmas e esta é a gran vantaxe deste simulador respecto das demais ferramentas presentes no mercado”. Para reforzar esta vertente, elaborarase un framework avanzado de xeración automática de contornas virtuais, o que permitirá construír cursos feitos a medida, “de maneira rápida e flexíbel", asegura Patricia García. Deste xeito, partindo dun escenario inicial, é posible introducir cambios na configuración da contorna (número de operarios presentes, maquinaria e ferramentas empregadas, condicións do terreo, etc.), para adaptar o xogo a cada caso concreto. O simulador de simuladores permitirá formar á xente en moi pouco tempo, mesmo a aqueles que se incorporen en calquera momento a unha obra que xa se iniciou.

PUBLICIDADE