O grupo galego Cenor pecha o mes de xuño coa incorporación doutras cinco novas tendas

venres, 4 de xullo do 2014 Redacción

A tenda Cenor Ricardo Muñoz en Cee-Fisterra

O grupo galego Cenor Electrodomésticos vén de informar de que segue adiante, e a bo paso, o seu espallamento polo Norte de España. Sen ir máis lonxe, inauguráronse recentemente cinco novos puntos de venda: Cenor Elecar en Corella, Cenor Cardero en Ourense, Cenor Electricidad Miguel en Cangas del Narcea e Cenor Ricardo Muñoz en Cee, establecementos aos que cómpre engadir a incorporación de On Factory o pasado mes de abril (outra cadea de electrodomésticos e electrónica agora integrada en Cenor). En total, cinco aperturas ao remate do mes de xuño que se suman aos máis de 180 puntos de vendas de electrodomésticos e aparellos electrónicos repartidos por todo o norte de España.

Cenor Elecar en Corella

“Estas novas tendas”, informa o grupo galego, “confirman que é posíbel que unha antiga tenda de barrio, de tipo tradicional, sexa quen de modernizarse a través do servizo diferencial e a especialización, mediante a renovación e innovación precisas para a supervivencia de calquera comercio orientado á satisfacción do consumidor”.
E engaden fontes da empresa galega: “Cinco novos establecementos forman parte xa da cadea de tendas máis importante da zona norte de España e abren as súas portas coa imaxe corporativa do grupo que aposta por un novo concepto de tenda tradicional no que as novas tecnoloxías xogan un papel fundamental”.

PUBLICIDADE