O grupo TIC da Universidade de Vigo lidera a mesma en materia de colaboración coa empresa
mércores 1 de xullo do 2009, por | |
| Compartir |
As novas tecnoloxías da información poden levármonos á crise, pero tamén son, precisamente, as ferramentas que nos poden sacar dela. Como? Empregándoas de soporte, fondo e feitura para múltiples proxectos innovadores baseados no coñecemento. A fin de contas, pensar en Rede social ou Sociedade do Coñecemento é pensar arestora no futuro. O contrario que ocorre cun bo número de outros sectores produtivos. Proba desta vitalidade é o importante papel que están a xogar os equipos de innovación que na nosa terra traballan para impulsar o tecido económico, sexa dende o público, o privado ou o académico. Para a Universidade de Vigo, a situación está máis que clara: un dos departamentos que máis coñecemento e recursos lle achega á nosa maquinaria produtiva é sen dúbida o grupo de investigación de Tecnoloxías da Información. O equipo, sen ir máis lonxe, foi o que acadou as mellores cifras de facturación de toda a Universidade en contratos de I+D ao longo de 2008.
Integrado por 20 investigadores que desenvolven o seu labor dende a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións, áchase neste intre en estreita colaboración co sector empresarial, a través da área de enxeñería telemática, liderando dentro da institución académica a transferencia de innovación ao sector privado.
Á súa fronte atópase o catedrático Francisco Javier González Castaño, e baixo a súa batuta conseguiu ser un dos primeiros grupos do sistema universitario galego en acadar a máxima cualificación na convocatoria de consolidación e estruturación de grupos da Xunta de Galicia e, neste ano en curso, foi elixido como un dos dous departamentos da Universidade de Vigo que participan nas Unidades de Investigación Intensiva, iniciativa promovida pola Consellería de Innovación que xirará arredor da divulgación e máxima rendibilidade dos resultados da investigación dos grupos dos centros públicos galegos.
Segundo engade a Universidade de Vigo nunha extensa reportaxe sobre as accións e as liñas de traballo do devandito equipo, entre os espazos temáticos de traballo atópanse os seguintes: redes e servizos telemáticos como infraestruturas sen fíos, servizos móbiles, redes de altas prestacións ou hardware para comunicacións e/ou intelixencia artificial. Por certo que nos seus logros ten repercutido, amais do traballo constante e unha idea firme dos camiños a seguir, o feito de que os seus integrantes sexan profesores con intereses afíns que comparten, tamén, unha completa experiencia no eido da empresa.
Este factor favorece o emprego dunha linguaxe común e, en consecuencia, séntanse as bases do seu principal éxito: a transferencia de investigación cara ao tecido produtivo.
A día de hoxe, a súa actividade céntrase en colaborar co CESGA e máis a Universidade de Santiago no proxecto integrado BeinGrid, unha iniciativa vinculada ao cálculo de tratamentos de radioterapia en computadores remotos de alta rendibilidade.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














