O galego Enrique Pascual González-Babé, nomeado director executivo da axencia dixital Indie PR

xoves, 23 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

O vigués Enrique Pascual González-Babé, vén de ser nomeado director executivo (CEO) da axencia madrileña de comunicación e relacións públicas Indie PR & Digital, centrada en boa medida en achegar servizos aos sectores das telecomunicacións, alimentación ou novas tecnoloxías. Dende o seu novo cargo, González-Babé liderará de xeito íntegro a área de asesoramento estratéxico e relacións públicas da compañía a nivel nacional, encargándose polo tanto de aplicar novas fórmulas creativas de comunicación ou deseñar os plans de medre e espallamento de Indie PR no mercado global. En opinión do profesional galego, “o reto consiste en romper os modelos comunicativos tradicionais e integrar nun único concepto comunicativo a parte offline, a de toda a vida, co novo ecosistema de redes sociais e blogs”.
O seus obxectivos, nesta nova andaina, pasan por contribuír a que Indie PR se diferencie do resto das axencias achegando calidade, excelencia e creatividade. “Pero sobre todo”, engade, “por saber facer comunicación nunha contorna na que a liña entre o papel, é dicir, o analóxico, ten que vivir un idilio constante co mundo online”.
Sinalar que a día de hoxe, Indie PR conta con clientes galegos na súa carteira como por exemplo TokApp, pero tamén atende grandes contas como as de Telefónica, Endered, Vimeo, Kyocera, Entelgy, Beer and Food, Fórmula E, Grupo RLD, Coperama o McAuto, entre outros.
Pascual González-Babé (Vigo, 1972) é licenciado en Xornalismo e diplomado en Ciencias Económicas pola Richmond International University de Londres. A súa experiencia formativa e laboral desenvolveuse en boa medida lonxe da súa terra, a cabalo entre Estados Unidos e Reino Unido. Ten ás súas costas máis de 18 anos de experiencia no sector da comunicación e a publicidade, traballando en axencias multinacionais e empresas de primeiro nivel.

info portfolio

PUBLICIDADE