O fundador de Megaupload diríxese a Obama a través dun vídeo musical

luns, 23 de xullo do 2012 Marcus Fernández

O fundador de Megaupload, Kim Dotcom, decidiu levar a defensa da súa causa un paso máis adiante, e nos últimos días renovou a súa páxina web baixo do dominio de Internet Kim.com con 10 feitos sobre o escándalo de Megaupload e un vídeo musical dirixido ao presidente dos EE.UU., Barack H. Obama, pedíndolle contas polo cambio que prometera ao electorado, chegando a responsabilizalo do inicio da guerra pola Internet por parte dos EE.UU. (atendendo a intereses da industria do copyright) e que manifestouse co peche de Megaupload e iniciativas lexislativas como SOPA, PIPA e ACTA. Na canción, Dotcom chega a compararse co Martin Luther King e denuncia ás autoridades norteamericanas de ser monicreques da industria de Hollywood, polo que chama á unión aos usuarios da Internet para por fin a este tipo de iniciativas que pretenden converter a innovación nun delito.
Kim Dotcom continúa a asegurar que vai relanzar dalgún xeito Megaupload (incluso promete invitacións á súa fase de proba aos que axuden a promover o seu vídeo dirixido ao presidente dos EE.UU.), á vez que lembra que na súa causa xudicial en Nova Celandia determinouse que a policía empregou unha orde de rexistro ilegal para irromper no seu domicilio e confiscar os seus discos duros á vez que o FBI infrinxiu a lei ao levar a información dos mencionados discos duros fóra do país sen a debida autorización.


Vídeo de Kim Dotcom dirixido a Barack H. Obama

PUBLICIDADE