O fraude en liña custoulle á banca 50 millóns de euros o ano pasado

luns, 8 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Os internautas, xa que os males compartidos disque afianzan as ligazóns, probablemente esteamos máis unidos agora ca hai uns anos, porque todos (absolutamente todos) andamos hoxe en día a arrastrar unha mesma bola de ferro con cadea apertada no nocello: a do phishing. Vale: é máis ou menos doado recoñecer estes intento de atraco para un internauta con certa experiencia, pero que pasa cos acabados de chegar? Como saben que non deben dar os seus datos bancarios a unha entidade que se asemella abondo ó que podería ser unha entidade bancaria enviando correos na Rede?
Sexa como sexa, o internauta non é o único ó que lle toca levar unha cruz. O sector da banca tamén ten a súa, desta vez con feitura de cifra: 50 millóns de euros. Esta é a cantidade de cartos que perderon os bancos ó longo de 2006 por mor da práctica do phishing, segundo datos achegados pola Asociación de Internautas (en total, neses doce meses, foron rexistrados até 705 ataques a bancos e caixas de aforro).
Este tipo de fraude en liña (roubo de datos persoais das contas dos internautas) amosouse especialmente virulento con entidades como Caja Madrid, Banesto e Santander, seguidas moi de preto (agora si) por empresas de menor envergadura, como Caja El Monte ou Banco Guipuzcuano (ninguén se libra).
Isto trouxo consigo, entre outras consecuencias, que moitos deses bancos decidiran delegar en firmas de seguridade informática a loita contra este tipo de fraude e, tamén, informar máis polo miúdo ós seus clientes do risco que leva consigo dar os seus datos a calquera que chame á súa porta, por moito que todo indique que se trata dun traballador da empresa.

PUBLICIDADE