O formato de vídeo AVC/H.264 será de balde de xeito indefinido

xoves, 26 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Algúns profesionais estaban preocupados de cara ao seu desenvolvemento dunha estratexia de vídeo na Internet (principalmente polo pulo que está a tomar o HTML5) dado que o formato de vídeo máis utilizado nos últimos tempos era o AVC/H.264, e MPEG LA, compañía que ostenta a súa patente, anunciara que o seu uso estaría libre de regalías ata rematar 2015, pero non concretaba o que pasaría despois, polo que apostar por tal codificador podería facer perigar proxectos a longo prazo, e para evitar tales dúbidas, MPEG LA vén de anunciar que o seu catálogo de licenzas de vídeo para a Internet continuará a ser de balde para usuarios finais de xeito indefinido.
Este formato de vídeo emprégase en multitude de dispositivos, que van dende cámaras de vídeo ata reprodutores multimedia, e como acontece con outros formatos (MP3, DivX…) o usuario final non ten que facerse cargo do pagamento das pertinentes licenzas de uso, senón que son os fabricantes (tanto de hardware coma de software) os que teñen que responder licenciando o seu uso, de aí que existan alternativas libres (tanto para audio como para vídeo), polo que, aínda que a meirande parte dos navegadores web soporten o formato H.264, os responsables do Firefox néganse a incorporalo de serie, por considerar que deben apoiar solucións libres (que non son o mesmo que de balde).

PUBLICIDADE