O fogar dixital cada vez máis preto grazas á colaboración da Xunta co sector TIC galego

xoves, 3 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Unha das liñas de traballo que máis destacaba cando foi presentada a Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, era a oferta de servizos de atención sociosanitarios na casa a través das novas tecnoloxías que a Xunta levaría a cabo.
Pois ben, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, en colaboración coa Consellaría de Sanidade, vai facer que esta axuda de primeira orde se faga realidade a partir das vindeiras semanas, ao prever o desenvolvemento do Fogar Dixital na Comunidade, tal e como recolle a Axenda Dixital 2014.gal, a folla de ruta da estratexia tecnolóxica da Administración autonómica.
Así o fixo saber a secretaria xeral Mar Pereira, durante un acto no que lles trasladou aos representantes do sector o Plan de Acción 2011, no que se define o marco das axudas ao sector para este ano, a posta en marcha do Centro demostrador TIC e os programas para avanzar posibles solucións tecnolóxicas ámbito sociosanitario.
Neste senso, a Administración autonómica determinou o sector sociosantario como “o primeiro ámbito de actuación para este tipo de iniciativas” e apurou a levar a cabo a elaboración dun mapa de capacidades tecnolóxicas dos axentes galegos no ámbito sociosanitario, no que participaron 45 axentes TIC de diferentes grupos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas. O documento recolle un total de 145 iniciativas, tanto as realizadas como as que se están a desenvolver e será publicado este mes.
O seguinte paso anunciado polo Executivo será a identificación das posibles iniciativas no eido sociosanitario para trasladarllas ao sector TIC. Neste senso, o primeiro proxecto definido é o impulso do Fogar Dixital, concretamente no que se refire a servizos asistenciais de pacientes crónicos, con posibles servizos como a monitorización dos parámetros do doente, a xestión e seguimento da medicación ou a teleasistencia médica, entre outros.
Podermos definir o Fogar Dixital como o fogar dotado de servizos avanzados que melloran a calidade de vida da cidadanía e que son posibles grazas ao emprego das novas tecnoloxías. Esta gama de servizos van dende os relacionados co ámbito asistencial (teleasistencia, teleconsulta,…) ata os relacionados coa seguridade, a eficiencia enerxética ou as comunicacións e o ocio; servizos que, tal e como indican os seus responsables, “fan posible un novo concepto de habitabilidade e sostibilidade dentro do fogar”.
Para impulsar o Fogar dixital, ambas entidades anunciaron que van realizar actividades de difusión e formación orientadas a cidadáns ou axentes da cadea como futuros instaladores ou integradores do fogar dixital, a través da Rede de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica ou o Centro Demostrador, espazo ubicado no CNTG, que servirá de punto de encontro entre a innovación tecnolóxica e as necesidades das pequenas e medianas empresas.

PUBLICIDADE