O festival escolar Olloboi faise forte nas redes

martes, 14 de abril do 2020 S. P.

O Festival Olloboi, o certame escolar de curtas en galego impulsado dende Boiro, segue vivo e operativo nas redes, malia que a nova convocatoria (prevista para esta tempada) se adiase para comezos do vindeiro curso. Podemos ver a súa evolución virtual, baixo o cancelo #OlloboiCOVIDeoDoméstico, avanzando de diferentes maneiras o talento que as novas directoras e directores levan dentro, un talento que vén como un agasallo para estes tempos de confinamento, Estado de Alarma e crise sanitaria pola pandemia. Dende a organización salientan que no medio de tantos atrancos, hai un factor positivo: ao estenderse os prazos para presentar contribucións, haberá máis tempo para crear.

Miguel de Lira, un dos padriños do festival, dando consellos sobre como facer vídeos domésticos

Entre as novidades postas en xogo figura unha nova categoría para vídeos domésticos. Esta modalidade, presentada os días pasados por un histórico cómplice de Olloboi, o actor Miguel de Lira, baséase principalmente no uso do móbil como instrumento creativo estrela para estes días de reclusións forzosas. As obras creadas durante esta crise sanitaria terán acubillo nas redes de Olloboi e, tamén, no programa A Revista (TVG) da man de María Solar.
As orixes do certame
A Asociación Cultural Olloboi naceu do labor dun grupo de docentes asentados no Barbanza desde o ano 2009, ao que se lle foi engadindo xente de fóra do ámbito educativo. Constituídos como asociación, organizan cada ano o certame escolar Olloboi, coa finalidade de “promover que o cine galego chegue ás aulas” dunha maneira creativa e participativa, e, a ser posíbel, en galego. O seu equipo de dirección está constituído por Lolo Garrido e Susana Diz, que asumen a parte de deseño, Petro Álvarez, que coordina a admisión de vídeos e supervisa os contidos e Ana Moreiras, que coordina, comunica e produce. Ademáis, Yaiza Vicente e Javi Paz encárganse de xestionar a parte informática e de redes e Sara Hermo colabora en traballos de produción e realización.
O nome de Olloboi xorde da unión de dous conceptos: o ollo, unha alusión directa á visión, ás lentes e por outra Boi, en referencia a Boiro, o concello que acolle cada ano o festival.
Este 2020 o festival chegará súa décima edición, unha convocatoria que tivo que ser adaptada ás posibilidades de comunicación, interacción e divulgación que brindan as redes.

PUBLICIDADE