O festival Cineuropa cumpre 20 anos e estrea blog (a tres mans)

luns, 30 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

A piques de cumprir 20 anos, ó festival Cineuropa de Santiago só lle quedaba seguir medrando, xa que é probable que tódolos cinéfilos galegos que contan os días xa para poder purificarse de tanto lixo fílmico visto ó longo do resto do ano nos multicines das súas cidades non permitiran outra alternativa.
Este certame, que comeza este 2 de novembro para estenderse no tempo até o día 30, medra con esta nova edición cara o universo Web, e (claro) non é casualidade que así sexa, tendo en conta que hoxe en día os blogs van camiño de ser os espazos onde máis e mellor se fala da cine, e que Internet é o un recurso ideal para que cineastas, artistas, músicos, directores de fotografía ou guionistas se dean a coñecer.
Polo tanto, habemus blog de Cineuropa, en conexión directa con tres bitacoreiros nada sospeitosos de estar contentos con cuestións coma a dobraxe, a saturación de produtos norteamericanos ou a teima das televisións públicas e privadas de cortar as películas en canto aparecen os primeiros títulos de crédito, privándonos a todos de ver os nomes dos actores, onde foi rodado o filme ou de escoitar a banda sonora. Falamos de Snob, Ifrit e Martin Pawley, que andan xa atarefados no caderno web de Cineuropa achegándonos novas, ruxerruxes, quinielas, críticas, opinións, resencións, etc.
E, en canto comece o festival, atreveranse até a tomarlle o pulso “ó ambiente que se respira entre as butacas”, co fin axudarnos ós lectores a elixir que película nos encaixa máis como anel ó dedo ou (tamén) de axudar ás distribuidoras de cinema que operan en Galicia a entender que unha película non só se vai a ver porque é norteamericana, senón por outras cuestións como o bo facer do director e os actores, o talento do guionista ou o interesante da proposta.
Cómpre sinalar que esta edición nº 20 de Cineuropa (organizada unha vez máis pola Concellería de Cultura de Santiago) vén con máis de cen filmes -dos que a metade son estreas-, que se irán proxectando ó longo do mes de novembro no Teatro Principal, Salón Teatro, Sala Yago, Fundación Caixa Galicia, Aula de Cultura de Caixa Galicia e no Centro Galega de Arte Contemporánea.

PUBLICIDADE