O estudo para a ampliación do CITIC, aprobado pola Corporación da Coruña

xoves, 8 de xullo do 2021 S. P.

O pleno da Corporación da Coruña aprobou este 8 de xullo o estudo de detalle para ampliar o edificio do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) no Campus de Elviña, promovido pola Universidade da Coruña, UDC. Segundo fixo saber o Goberno coruñés, a ampliación realizarase no patio existente entre os dous edificios existentes e estará destinada a laboratorios e espazos comúns.
O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, sinalou que o estudo conta cos perceptivos informes sectoriais do ADIF, do Estado e da Dirección Xeral de Aviación Civil. E engadiu: "A ampliación serve para mellorar as capacidades do CITIC e as capacidades investigadoras deste importante centro de referencia en materia de novas tecnoloxías da Universidade da Coruña”.
Por outra banda, Concello e Universidade acordaron colaborar na posta en marcha de dúas actuacións urbanísticas no ámbito dos campus universitarios. Así, levaranse a cabo obras de mellora da accesibilidade na contorna do Espazo de Intervención Cultural da Universidade (Normal) e, amais, urbanizarase a contorna da Escola Técnica Superior de Arquitectura e a Facultade de Ciencias co fin de garantir unha mellor accesibilidade.

PUBLICIDADE