O estándar H.266 reducirá á metade o consumo de datos de vídeos en 4K

martes, 7 de xullo do 2020 Marcus Fernández

O Fraunhofer Heinrich Hertz Institute vén de presentar un novo estándar de codificación de vídeo que atende ao feito de que actualmente máis do 80% do tráfico da Internet corresponde a este tipo de contidos, de aí que sexa cada vez máis importante a compresión do vídeo para optimizar o consumo de datos, para o que propoñen o estándar H.266/VVC, que chegaría para coller o relevo do H.264/AVC (o máis empregado actualmente) e do H.265/HEVC (empregado principalmente para contidos en ultra alta definición).
O H.266/Versatile Video Coding supón un mellor aproveitamento das conexións de datos, algo crucial especialmente en comunicacións móbiles, conseguindo que un vídeo en ultra alta definición de 90 minutos en H.265/HEVC que ocuparía 10 GB poida manter a súa calidade ocupando só 5 GB de datos.
O uso do H.266/VVC será principalmente beneficioso para transmisións de vídeo en 4K e 8K para televisores, así como para contidos en 360 graos, aínda que teremos que agardar ao outono para que Fraunhofer HHI publique o primeiro software (codificador e descodificador) que soporte este novo estándar que previsiblemente terá unha adopción masiva se atendemos ao éxito dos seus predecesores.

PUBLICIDADE