O estado de saúde do noso litoral, ao detalle na Rede grazas ao grupo Ecotox (UVigo)

mércores, 9 de marzo do 2016 Redacción

Dende 2013 está operativa para a comunidade investigadora e para os internautas en xeral unha ferramenta tecnolóxica que permite verificar o estado de saúde das nosas augas litorais. Trátase do visor cartográfico xestionado polo grupo de Ecotoxicoloxía da Universidade de Vigo, Ecotox, que dirixe o catedrático Ricardo Beiras. A ferramenta, que acubilla datos de case medio cento de publicacións científicas, leva preto de catro anos suplindo con compromiso medioambiental e vontade científica, en palabras dos seus impulsores, “a falta de recursos tecnolóxicos da administración pública que acheguen de xeito inmediato e xeorreferenciado datos de vertidos e do estado da contaminación química das augas galegas”.
Máis polo miúdo, a plataforma fornece acceso a información de contaminación química sobre metais, hidrocarburos e probas de ecotoxicidade na costa galega, desde 1997 ata a actualidade, agrupadas en capas, por períodos de cinco anos. Publicacións científicas e informes sobre contaminación mariña no litoral galego, así como traballos non publicados polo propio grupo Ecotox, son as dúas fontes das que proceden os datos utilizados polo visor, ao que se pode acceder a través do portal web do equipo de investigación.
Segundo informan os responsábeis do recurso, este está integrado nunha infraestrutura de datos espaciais e, en virtude disto, o visor proporciona información sobre o estado químico das augas costeiras empregando as directrices marcadas no programa de seguimento do convenio Ospar sobre a protección do medio mariño do Atlántico Nordeste. Segundo explica Raimundo Blanco, investigador de Ecotox, “hoxe en día a información xeorreferenciada en liña está a substituír os mapas e forma parte da nosa vida diaria, dende os teléfonos móbiles, aos navegadores dos coches”.
Funcionamento
Unha vez que accedemos ao portal de Ecotox podemos entrar directamente a través do apartado accede ao visor ou ben dirixirnos ao menú xeoportal-visor cartográfico. Neste caso, na paxina visor cartográfico, atoparemos unha descrición dos datos e dos criterios que se están a usar no visor. O visor presenta tres áreas: o mapa; o panel de navegación superior e o panel lateral de capas (layers), no que están as capas cos contaminantes e a súa lenda. No mapa a información preséntase en forma de puntos de cores, cunha escala que vai do azul (mellor estado) ao vermello (peor estado). Premendo en cada punto (coa ferramenta identify do panel superior) accedemos aos datos numéricos.

PUBLICIDADE