O estado da eAdministración nos concellos, a exame

mércores, 4 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

A Secretaría de Estado de Telecomunicacións presentou este mércores 4 unha investigación encamiñada a dar alento e soporte (que liñas de actuación son as principais, en que sectores ou xeografías cómpre meirande esforzo, etc) á Lei de Administración Electrónica aprobada en 2007 que, entre outras cousas, recoñece aos cidadáns o seu dereito a vincularse pola vía dixital coas súas institucións públicas. Dos métodos axeitados para facer cumprir esta lei, do feito e por facer e de un dos principais instrumentos para acadalo, o Plan Avanza, trata precisamente o estudo presentado hoxe: Estado das TIC na Administración Local. Nel, o Ministerio de Industria dá conta polo miúdo dos recursos orzamentarios postos en xogo para desenvolver os requirimentos da dita lei: un financiamento de 400 millóns de euros até 2008 e, para o este ano en curso, un engadido presupostario de 67,5 millóns de euros. As medidas desenvolvidas, faise constar no informe, executáronse en colaboración con 435 entidades locais, todas as Comunidades e Cidades Autónomas. A súa natureza foi variada, pero todas coincidiron na necesidade de tirar partido dos recursos dixitais para mellorar o contacto entre a cidadanía e as institucións: programas de modernización da administración local, desenvolvemento de servizos en liña para as empresas e a sociedade en xeral, posta en marcha dunha plataforma de pagamento electrónico, organización de xornadas de difusión e formación, etc.
O informe en cuestión, que como o seu propio nome indica achega un diagnóstico sobre a estado actual n dos concellos respecto ao uso das novas tecnoloxías, tivo un punto de mira amplo de abondo: os escenarios de conexión veciñanza-administración dos 8.109 concellos españois. Segundo se fai constar no traballo, de entre estes municipios, os de máis de 15.000 destinan recursos económicos e humanos para a mellora das súas tecnoloxías superiores aos dos restantes municipios. Estes e outros datos complétanse con información sobre a chegada da Rede a estas entidades locais, identificándose aquela como “xeneralizada”.
Polo que respecta á natureza mesma dos servizos de eAdministración ofrecidos polos concellos, dicir que entre os que máis esforzos están a concentrar atópanse os de participación cidadá (queixas, suxestión) e os de participación en foros e enquisas, por enriba (polo de agora) de outras canles non tan desenvolvidas nin tan demandadas: a consulta de expedientes ou de datos persoais. O informe observa neste senso que preto do 80% dos municipios de máis de 30.000 habitantes conta con canles de participación cidadá, e case o 40% achega datos de trámites persoais.
Asemade, e sen saírmonos desta categoría de concellos, dicir que máis do 85% (ou sexa, o 58% da poboación) subministra datos pola Rede sobre actividades, oferta pública de emprego así como procedementos e servizos. Amais, arredor do 85% destas entidades locais de máis de 30.000 habitantes fornece aos seus cidadáns de información cultural e turística en liña, así como de rueiros e recursos sobre transportes. De cara ás empresas, máis do 74% dos concellos de máis de 15.000 habitantes achegan elementos útiles para aquelas: creación de empresas, contratación pública, bolsa de traballo ou axudas e subvencións.
Por certo que a investigación da que se extraen estes e outros datos está dispoñible por vía telemática dende a web do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información: www.ontsi.red.es.

PUBLICIDADE