O especialista en Dereito e Internet Pablo García Mexía abre este mércores o curso de eAdministración da EGAP e o CPEIG

martes, 23 de abril do 2013 Redacción

Fachada da sede da EGAP, no barrio de Fontiñas de Santiago de Compostela

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolle este mércores 24 de abril o acto de apertura oficial do Curso Superior de Administración Electrónica que convocan o dito centro de estudos e máis o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A inauguración, programada para as 17.00 horas, contará coa presenza de Pablo García Mexía, especialista en Dereito e Internet, que ofrecerá un relatorio sobre estas cuestións ante os participantes da actividade formativa e os responsábeis da súa posta en marcha. Máis polo miúdo, o conferenciante realizará un percorrido polas orixes históricas e os principios do Dereito da Rede, os principais contidos e os retos de futuro, como son os dereitos e liberdades, xurisdición e normas internacionais, ciberdelincuencia ou responsabilidade dos intermediarios, entre outros.
Pablo García Mexía é letrado das Cortes Xerais en excedencia parcial, ademais de letrado da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado. Director e cofundador de Syntagma-Centro de Estudios Estratéxicos e doutor en Dereito, é profesor asociado de Dereito Constitucional na Universidade Carlos III de Madrid. Asemade, foi director de Goberno Interior do Senado entre os anos 2002 e 2004 e secretario xeral da Asemblea de Madrid entre 1997 e 2000. Tamén exerceu como director de Relacións Parlamentarias do Congreso dos Deputados entre os anos 1996 e 1997. É autor, entre outros, do libro Los conflictos de intereses y la corrupción contemporánea.
Cincuenta prazas
O Curso Superior de Administración Electrónica, dirixido polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, ofrece un total de 50 prazas e a súa duración é de 114 horas, das que 84 serán teóricas e 30, prácticas. A actividade formativa pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, “na concepción da Administración Electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións de Galicia”, informa Suárez. Os destinatarios desta actividade formativa son empregados públicos de Galicia, tanto da administración autonómica como das locais e de xustiza, e das universidades do sistema universitario da comunidade, así como persoal contratado polas administracións públicas e os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico. Ao abeiro do acordo existente entre o colexio e a EGAP, os colexiados e colexiadas obteñen un prezo especial na matrícula de 350€, fronte aos 500 euros que deben pagar aqueles alumnos non funcionarios.

PUBLICIDADE