O equipo RexDev de Lugo resultou gañador do concurso DXC Iberia Codes na categoría sénior

mércores, 23 de xuño do 2021 S. P.

O equipo RexDev de Lugo (Instituto Ánxel Fole) resultou gañador do concurso DXC Iberia Codes, impulsado por DXC Technology, na categoría sénior. Na mesma liña, o equipo Montealtinas de Madrid foi gañador na categoría júnior. Ademais, como finalistas destacaron o Colexio Corazón de Maria de Asturias, o Sacro Corazón de Jesus de Zaragoza, a Escola Arrels de Barcelona, How I Learned Code de Sevilla, o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, o Salesiano Santo Angel de Avilés e o Agora St Cugat Internacional de Barcelona.
O concurso, que nace en 2018 da man de DXC, ten como obxectivo facilitar que os mozos se acheguen á programación e a tecnoloxía de maneira fácil e divertida cun concurso anual que esperta a súa curiosidade e imaxinación e permítelles desenvolver un tipo de pensamento computacional.
En total, nesta edición participaron máis de 400 nenos de diferentes centros educativos, asumindo o reto de crear un videoxogo de aventuras centrado nos heroes sen capa da COVID-19.
O DXC Iberia Codes contempla dúas categorías. Dunha banda, existe a categoría júnior, para nenos e nenas de 10 a 12 anos, mentres que doutra, hai una categoría sénior para os cativos con idades comprendidas entre os 13 e os 15 anos. Estes deben utilizar o programa de desenvolvemento Scratch para crear un videoxogo que, ademais de divertido, debe reflectir os valores asociados á temática.
A entrega de premios realizouse nun evento en liña no que Juan Parra, presidente de DXC Iberia, animou aos finalistas a “seguir sendo nenos, pasalo ben e, tamén, a estudar e gañar capacidades dixitais nun mundo onde a tecnoloxía será unha ferramenta imprescindible”. Mentres, Jaume López, director de Innovación der DXC e presidente do xurado, sinalou a calidade dos proxectos “cos que o xurado gozou xogando”. Pola súa banda, Sara García Barón, profesora do Colexio Salesiano Santo Anxo de Asturias, explicou que “non basta ser un nativo dixital. Hai que abordar un proceso de alfabetización e acompañalo de actividades que fomenten estas disciplinas”. En definitiva, os gañadores recibiron premios relacionados coa robótica, para poder seguir practicando no seu tempo libre e non perder a ilusión por estas disciplinas.

PUBLICIDADE