O enxeñeiro Alejandro Cardesín mostrou no Campus de Ourense os pequenos e grandes detalles da exploración planetaria

venres, 9 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A nosa comunidade investigadora hai tempo que comezou a facer algo máis que ollar as estrelas: asumiu o reto aeroespacial e, en pouco, tempo, converteuse en referente no desenvolvemento de novos servizos e enxeños que permitisen coñecer mellor o que está por enriba (moi por enriba) das nosas cabezas. Na vangarda deste desafío están os investigadores xurdidos da UVigo, que, tanto dende aquí como de diferentes recantos do mundo, achegan importantes contribucións a esta liña colectiva de traballo. Por exemplo Alejandro Cardesín, enxeñeiro da ESA (Axencia Espacial Europea) e titulado en Telecomunicación pola UVigo, que estivo este 8 de febreiro no Campus de Ourense para ofrecer unha conferencia no marco do ciclo Foro Aero, impulsada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. O título do seu relatorio foi en boa medida un resumo da súa traxectoria investigadora: De Galicia a Marte e máis alá: explorando o sistema solar coa European Space Agency (ESA).
Durante a súa intervención Alejandro Cardesín, doutor en Ciencias e Tecnoloxía Aeroespacial pola Universidade de Padua, en Italia, fixo partícipe ao alumnado asistente da súa traxectoria de arredor de 13 anos na European Space Agency e da súa paixón por traballar nos proxectos de exploración planetaria. Esa traxectoria, lembrou, iniciouse cando por unha serie de casualidades foi realizar o seu proxecto fin de carreira á ESA en Holanda e alí comezou a desenvolver o seu traballo no eido aeroespacial. En 2008 incorporouse á ESA en Madrid e desde entón participou e participa en diferentes misións de exploración planetaria. Entre elas están Rosetta, unha sonda enviada a un cometa; Venus Express, a primeira misión da ESA ao planeta Venus, e as misións a Marte Mars Express, a primeira misión interplanetaria europea, e a vindeira misión ExoMars, que buscará vida nese planeta. “Parece ciencia ficción pero non o é e os estudantes que hoxe están nesta escola pode formar parte no futuro dese soño”, destacou o enxeñeiro.
Segundo fixo saber sobre a natureza do seu traballo, “primeiro empecei como enxeñeiro puro, de Telecomunicación e Informática, pero logo movinme cara unha beira máis científico tralo doutoramento. Agora estou no medio, en operacións científicas, que é a interface entre os enxeñeiros e os científicos. Falar estes dous idiomas e traballar con ambas partes o que che permite é ter unha visión global de toda a misión, algo moi interesante”, explicou, engadindo que “do meu traballo tamén destaco como me permite traballar na coordinación de proxectos internacionais, que implican a expertos de todo tipo de áreas sen os cales non poderíamos facer realidade estes proxectos”.
Máis conferencias
As conferencias do Foro Aero continuarán ao longo do cuadrimestre, cunha periodicidade aproximada dunha conferencia por mes. Tendo en conta que o vindeiro curso académico xa se impartirá o terceiro curso do Grao en Enxeñaría Aeroespacial e que nel o alumnado xa terá que escoller entre a especialización en Aeronaves ou en Equipos e Materiais Aeroespaciais, entre as conferencias que se levarán a cabo haberá dúas centradas en cada unha destas mencións co obxectivo de orientar aos estudantes na súa escolla.
O Foro Aero, explicou na conferencia Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, naceu o pasado curso co obxectivo de ofrecer ao alumnado do centro a oportunidade “de escoitar a profesionais de diversos sectores afondar na actividade aeroespacial, subministrándolles diferentes perspectivas profesionais”.

PUBLICIDADE