O encontro galego Meninas Jam, finalista nos Premios DeVuego 2020

venres, 12 de febreiro do 2021 S. P.

Captura de pantalla do videoxogos Shipulse desenvolvido por un grupo de estudantes da primeira promoción do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol

O encontro de desenvolvedores Meninas Jam, promovido pola Universidade da Coruña (UDC) e máis pola Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos (Videoxogo.gal), vén de obter un importante recoñecemento ás súas contribucións creativas e dinamizadoras. En concreto, foi quen de quedar finalista nos Premios DeVuego 2020 na categoría á mellor Game Jam.
Desde o ano 2018, a Asociación Española de Videoxogos (AEVI) recoñece ao portal DeVuego como a principal base de datos do sector en España.
O encontro de desenvolvedores Meninas Jam nace en xullo de 2020 da man do coordinador do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videogoxos, Antonio Seoane, e da co-fundadora de Videoxogo.gal e profesora da UDC, Luz Castro, como “espazo para fomentar a creatividade e o traballo en equipo así como homenaxe ao evento iniciado en 2008 polo artista Eduardo Hermida e que converteu á cidade de Ferrol en todo un referente artístico e cultural”.
Na súa primeira edición, celebrada en liña debido á situación sanitaria derivada da COVID-19, participaron 40 persoas, boa parte delas alumnas e alumnos do grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos que se imparte na Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus da Coruña e máis do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que acolle a Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol.
Baixo a temática Barcos, Barcos e máis Barcos, elixida polos participantes, presentáronse 12 proxectos. O videoxogo gañador, Shipulse, foi deseñado por alumnado da primeira promoción do mestrado: Jesse Lago López, Pablo Boullosa García, José Luis Valenzuela Iglesias, Damián Romero Fernández e Sarai Pena López. Outro dos proxectos presentados, Fofo e a pesca do lixo, acadou o terceiro galardón nos Premios Xuventude Crea 2020 da Xunta na modalidade de Videoxogo.

PUBLICIDADE