O empresariado galego conta cun novo recurso para velar pola súa competitividade: a Rede Mentoring

luns, 5 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Co obxectivo de reforzar a plataforma existente de empresas galegas e de asegurar o fluxo e afianzamento de máis integrantes preséntase esta semana un novo proxecto chamado Rede Mentoring. A iniciativa, posta en marcha polo IGAPE, BIC Galicia e XesGalicia e subvencionada polo Fondo Social Europeo, dase a coñecer o mércores no Auditorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo, ficando logo a disposición das pequenas e medianas empresas (pemes) en fase de creación, medre ou consolidación. O proxecto, que se apoia o en boa medida na súa plafatorma web como ferramenta de comunicación e convocatoria, estará aberto a empresarios e empresarias da nosa terra que queiran participar como mentores e mentoras.
Basicamente, a iniciativa consiste nunha rede de emprendedores/as mentores/as a tempo completo. Como o seu propio nome indica, trátase dun colectivo de profesionais de calquera sector que dedican unha boa parte dos seus esforzos a velar polo funcionamento daqueles proxectos que xa comezan a deixar de selo para converterse en iniciativas privadas cen por cen operativas. Axudan, guían e asesoran, tanto nos primeiros pasos como apertura de mercados, incluído todo o que se faga en materia de Investigación e Desenvolvemento para ficar nun proceso de renove constante.
A Rede darase a coñecer máis tarde en Lugo (na sede da Deputación ás 19 horas, o día 20 de maio), na Coruña (en Palexco ás 19 horas, o día 27 de maio) e en Ourense (na Fundación Caixa Galicia ás 19, o día 4 de xuño).

PUBLICIDADE