O emprego da Rede nas cidades galegas é o mesmo ca nos espazos urbanos do Estado

martes, 22 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Segundo informa estes días a Consellería de Innovación na web do PEGSI, falar de fenda dixital na Galiza urbana ou ben na Galiza rural son dúas cousas totalmente distintas. Dous mundos case opostos, como acontece en moitos outros aspectos culturais, sociais e económicos (polo tanto, o uso da Rede é un reflexo destas desigualdades previas). Así, informa a páxina en base a datos do Instituto Nacional de Estatística, só se podería falar realmente de fenda fóra das vilas e nas cidades, posto que nestas o emprego da Rede é equiparable ó dos restantes núcleos urbanos do Estado español.
Segundo o INE; o 55% dos galegos e galegas que residen nas capitas de provincia e maís nos concellos con máis de 100.000 habitantes accede decote a Internet, sendo a taxa no resto de España do 56%. Nestes concellos galegos, mesmo se emprega máis o comercio electrónico (15,5% dos enquisados fíxoo nos últimos tres meses) ca en España (14,5%).
Porén, o panorama é ben distinto na Galiza rural. As causas de todo isto? Nos datos do INE non hai respostas a esta pregunta, pero probablemente sexan tres os motivos principais, en moitas ocasións enleados de tal xeito que é case imposible saber onde comeza un deles e onde remata a influenza do outro: falamos do menor poder adquisitivo das familias do rural (se temos que renunciar a algo para chegar ben a fin de mes, o acceso a Internet no fogar vai entrar moi posiblemente na listaxe, sobre todo tendo en conta os prezos das conexións, as máis caras de Europa), a mala calidade de boa parte das infraestruturas (hai moitísimas familias que non teñen opción posible de acceder en condicións á Sociedade do Coñecemento simplemente porque non hai servizo) e a ausencia nunha chea de concellos de actividades formativas e de sensibilización.
Segundo datos do INE, nos concellos que teñen menos de 10.000 persoas, o índice de compras en liña cae ata 5,8%, fronte un 6,9% no Estado. O mesmo sucede co uso de internet, que é de 27,3% nos concellos máis pequenos do país fronte un 35,4% en España.

PUBLICIDADE