O edifico CITIC ábrese ás empresas das novas tecnoloxías do país

luns, 7 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña vén de anunciar que pon as instalación do Edificio CITIC, o seu centro de I+D, a disposición do pulo innovador do noso tecido produtivo. Máis polo miúdo, do que se trata é, por medio de concurso público, de ceder os seus espazos ás empresas “para o desenvolvemento da súa actividade relacionada con proxectos de investigación e desenvolvemento no sector das novas tecnoloxías da información”. Estes espazos, engaden fontes da UDC, están emprazados no primeiro andar do inmoble que amplía ao devandito CITIC, Centro de Investigación en TIC, situado no Campus de Elviña.
O obxectivo disto non é outro que fomentar as relacións entre a Universidade e a empresa galega, unir esforzos e fixar normas de actuación que canalicen e fagan medrar a comunicación, o intercambio de experiencias e o traballo conxunto no eido da I+D. As empresas que obteñan a concesión a través do dito concurso público poderán dar corpo aos seus proxectos no CITIC, “gozando do valor engadido que supón a posibilidade de traballar conxuntamente co propio centro en diferentes proxectos que xurdan no eido das novas ferramentas do coñecemento”. Para máis información, cómpre visitar a web do CITIC, a sección de novas, ou ben por medio da páxina web da UDC.

PUBLICIDADE