O edificio da SGAE en Santiago estará operativo no mes de outubro

mércores, 29 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Paseniño pero sen pausa, vaise aclarando a finalidade do rechamante edificio de laxas de pedra que se está a construír na finca de Vista Alegre, en Santiago de Compostela: vai ser a sede da Sociedade Xeral de Autores e Editores en Galiza, o seu centro de operacións no real e no virtual e, amais diso, un escenario para todo tipo de actividades vinculadas á cultura. Segundo informa Xeración, o polémico edificio (e o de “polémico” vai porque a súa presenza non acaba de convencer a unha importante franxa da sociedade galega, hostaleiros e perruqueiros incluídos) vai estar operativo na segunda quincena de outubro, achegando dende o comezo o seu programa cultural e formativo.
A idea, segundo manifestou Javier Vidal, o director da entidade para o Noroeste, é converter ó edificio en “foco creativo e nun axitador cultural”.
O edificio, como pode comprobar calquera persoa que camiñe pola devandita rúa de Vista Alegre, non é precisamente unha construción modesta, e probablemente na súa feitura e no breve tempo en que foi rematado teñan moito que ver o bo intre económico polo que está pasando a dita entidade de xestión. De feito, a construción (que custou uns 10 millóns de euros) conta cunha superficie de 3.000 metros cadrados e inclúe auditorio, un plató de rodaxe e salas de gravación. A xuízo de Xeración, o obxectivo da SGAE é que o edificio tamén teña o se compoñente de reclamo dende o ceo, feito que responde ó interese da Sociedade por afianzar presenza e actividade no eido virtual das redes, agora que Google Earth é como un ollo de paxaro ó alcance da man de calquera internauta.
Na imaxe, o edificio visto no caderno Respiraelviento de Flickr.

PUBLICIDADE