O director xeral de Yahoo deixa o seu cargo tras descubrirse que non está titulado en Informática

luns, 14 de maio do 2012 Marcus Fernández

O cadro de dirección de Yahoo está a experimentar unha reestruturación debida ao cesamento no seu cargo por parte do seu director xeral, Scott Thompson, posto que ocupará provisoriamente Ross Levinsohn, á vez que colocan a Fred Amoroso para encabezar o consello de dirección da compañía en substitución de Roy Bostock (quen tamén deixa a directiva para acelerar a entrada de Levinsohn).
Este tipo de movementos poderían responder as estratexia errática que está a seguir a compañía nos últimos anos, pero podería tratarse dunha situación ben diferente, pois atendería a un escándalo provocado polo currículo de Scott Thompson, no que aparecía unha titulación en Informática en 1978 no Stonehill College, información negada pola institución académica, que non ofreceu tal disciplina ata 1983.
Aínda que dende Yahoo aseguren que o cesamento de Thompson responde a “motivos persoais”, resulta evidente que a súa credibilidade quedou totalmente en cuestión ao descubrirse que inventara ter unha titulación académica para reforzar a súa posición como directivo no sector, o que recoñeceu como “un erro inadvertido”.