O director do IGAPE reivindica os esforzos do sector produtivo do Barbanza por transformarse tecnoloxicamente

venres, 16 de xullo do 2021 S. P.

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Fernando Guldrís, visitou este 16 de xullo as instalacións de Xanxo Servizos Turísticos, establecemento hostaleiro na Pobra do Caramiñal que é un referente non só do seu sector, senón tamén do ámbito da transformación tecnolóxica. Guldrís salientou na Pobra “a importante aposta pola dixitalización que está a levar a cabo o tecido produtivo da nosa comarca”.
Tamén destacou as posibilidades que ofrece a pemes e autónomos galegos o programa Cheque Dixital, que vén de abrir unha nova convocatoria e que permitiu, desde o seu lanzamento en xuño de 2020, impulsar preto de 2400 proxectos en Galicia e investimentos por importe de máis de 11,5 millóns de euros. No caso concreto da comarca do Barbanza, foron medio cento de iniciativas, que mobilizaron preto de 200.000 euros, “contribuíndo así á adaptación tecnolóxica do tecido produtivo2, explicou.
Guldrís lembrou que o Cheque Dixital tamén achegou o seu apoio ao dito establecemento da Pobra, que obtivo un importante respaldo para adaptar os seus sistemas de xestión de contidos electrónicos, como menús ou cartas, ademais de apostar polas novas tecnoloxías nos procesos de comercialización. “Xanxo é un referente no sector hostaleiro da comarca desde hai catro décadas, e agora ten sabido adaptarse aos novos tempos”, incidiu Guldrís, que apuntou que neste proceso de adaptación a empresa se ten beneficiado tamén do programa de axudas para o acondicionamento de terrazas.
Guldrís resaltou que coa segunda convocatoria do Cheque Dixital, cuxo período de solicitudes ficará aberto ata o 30 de setembro, a Xunta aspira a chegar a máis de 1.000 autónomos e pemes, favorecendo deste xeito a mellora da súa competitividade a través do fomento de proxectos no eido da dixitalización. “Unha transformación que debe chegar a todo o tecido empresarial, desde as grandes ás pequenas empresas, e a todo o territorio, especialmente ao ámbito rural”, sinalou, engadindo que a dita liña suma un orzamento de 4 millóns de euros, abranguendo desde a habilitación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da COVID-19, ata outro tipo de melloras como a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil, automatización de procesos regulados, ou a aplicación de solucións de conectividade e incorporación do teletraballo ou relativas á ciberseguridade.

PUBLICIDADE