O director de Produción de Programas de Mediaset estará na Coruña para afondar no contexto multimedia

luns, 19 de xaneiro do 2015 Redacción

O director de Produción de Programas de Mediaset España, Baldomero Toscano, participará o vindeiro 29 de xaneiro na Coruña nun foro sobre a produción de programas de lecer para a televisión no actual contexto multimedia, que organiza o Clúster Audiovisual Galego (CLAG) en colaboración co Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.
O Foro A produción de programas para a televisión no contexto multimedia. Claves para o éxito terá lugar na tarde do xoves día 29 nas instalacións do MPXA en Arteixo (Polígono de Sabón. Avda. de la Prensa, 84-85). Durante este encontro cos profesionais do sector audiovisual de Galicia e os alumnos do MPXA abordaranse “os diferentes elementos que concorren na elaboración de programas para a televisión, tendo en conta a influencia que están a ter outras plataformas dixitais na produción destes formatos”, explican os organizadores.
Lembrar que Baldomero Toscano é o responsábel de Produción de Programas de Mediaset desde o ano 2009. Chegou a este posto procedente da canle autonómica andaluza Canal Sur Televisión onde foi durante varios anos xefe de Programas e na que tamén realizou os labores de coordinador e xefe de realización. Con anterioridade ao seu desembarco en Canal Sur desempeñou tarefas de realización en TVE e foi director de produción de Juan Lebrón Producciones.

PUBLICIDADE