O desafío de despregar fibra no casco histórico de Santiago xa ten sete operadoras candidatas

luns, 9 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Un dos grandes retos actuais do Concello de Santiago, compartido polo Goberno autonómico, é atopar o mellor xeito de levar redes avanzadas ao casco vello da cidade, garantindo a calidade das mesmas ao mesmo tempo que se protexe o patrimonio e se acadan as mínimas alteracións estéticas. O desafío, complexo e diverso, está neste intre en fase de resolución, cunha rolda de consultas aberta polo Concello e a axencia autonómica AMTEGA para fomentar a presentación de proxectos de despregue de fibra óptica na zona antiga da cidade, seguindo as indicacións do Catálogo de Solucións Técnicas acabado de aprobar polo Goberno galego. Pois ben, a rolda da propiciou o interese de sete operadores.
Isto significa que as devanditas sete compañías estarían dispostas a participar na rolda de consultas para máis adiante, a partir da vindeira semana e até o 16 de decembro, concorrer nunha primeira sesión de xuntanzas, entre representantes de ambas institucións e os sete operadores interesados, que non son outros que Orange, R, Telefónica, Citynet, Vodafone, Cellnex e Aurea.
Segundo informan AMTEGA e o Concello, as empresas que queiran presentar plans teñen un prazo de dous meses hábiles desde a publicación, o pasado 12 de novembro, da resolución conxunta das súas entidades para que os operadores manifestasen o seu interese na iniciativa. Os proxectos que presenten os operadores deberán detallar o modelo de despregue e de financiamento. E farano baseándose nas alternativas que ofrece o catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia, elaborado pola AMTEGA, o operador público RETEGAL e a Dirección do Patrimonio Cultural.
Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de Telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en fornecementos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de “propostas viábeis e con capacidade para ser adaptadas a outros conxuntos históricos”. Entre as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregue da fibra óptica a través das redes de saneamento.

PUBLICIDADE