O creador de Cálico Electrónico participará no Carballo Interplay

martes, 5 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

A terceira edición do Festival de Carballo Interplay (CIP), que se desenvolve entre o 5 e o 7 de maio poñendo a vila bergantiñá no epicentro da produción galega e estatal dos contidos dixitais, vai reverter de novidades e cousas que subliñar na nosa axenda (novidades que sumar ás que xa avanzamos os días pasados dende Código Cero). Por exemplo: a presentación galega da longametraxe Estirpe (dirixida por Adrián López, coruñés afincado en Madrid) ou a organización dunha clase maxistral sobre tecnoloxía Flash impartida polo creador de Cálico Electrónico, segundo nos contan dende o festival “a serie de animación en liña de fala hispana máis relevante de Internet”. En opinión da organización do certame (Concello), estas e outras novidades son a proba de que a nova edición “vén cargada de pratos fortes para os seareiros dos contidos audiovisuais en Internet”.

Adrián López presentando o tráiler de Estirpe na pasada edición de Viñetas desde o Atlántico

A maiores, os asistentes a esta terceira edición do Carballo Interplay poderán gozar coas actuacións “en vivo e en directo” dos creadores de Hermanos Podcast ou Venga Monjas, que presentarán en Carballo o seu novo show, Da Suisa, “nunca visto en Galicia”. Amais, o CIP 2016 será como dixemos o escenario elixido por Adrián López para presentar en Galicia a longametraxe Estirpe, poucos días despois da súa estrea no Festival de Málaga. Todas as actividades do festival son de acceso libre e de balde ata completar aforo.

Hematocrítico nunha sesión de sinaturas dun dos seus libros

Noel Ceballos e El Hematocrítico ofrecerán no Carballo Interplay un episodio especial, en vivo e en directo, do seu popular Hermanos Podcast, un programa de radio por Internet aperiódico (pero con vocación semanal) baseado na conversación libre e caótica dos dous autores, que gozan falando de temas relacionados coa cultura pop. No CIP explicarán, cunha vídeo charla, as rupturas que experimentou a linguaxe audiovisual hai vinte anos, máis polo miúdo no terreo “do videoclip post-idade de ouro da MTV”.
O público de Carballo poderá ver tamén en directo a última creación de Venga Monjas, nas súas palabras “a versión defectuosa dos Simpson”. Falamos de Da Suisa. O dúo formado por Xavi Daura e Esteban Navarro recuncan en Carballo cun show en directo “cheo de suor e de proxeccións salvaxes de parodias dos capítulos dos Simpson”, feitas de memoria no que definen como “o festival de webseries máis guasón do panorama”.

Niko, creador de Cálico Electrónico, durante unha charla impartida na Hobbycon de 2014

Polo que respecta ao creador de Cálico Electrónico, Niko de Nikotxán, ofrecerá unha masterclass de animación en tecnoloxía Flash. Cálico Electrónico, informa a organización do certame, é "o meirande superheroe de todos os tempos” e é, tamén, “o nome da serie de animación online de fala hispana máis relevante de Internet”, con máis de 100 capítulos e cun acumulado de máis de 30 millóns de visitas desde 2004. O seu creador contará no festival como empezou a animar en Flash, como se lle ocorreu crear a Cálico “e todo o que lle leva acontecido no mundo da animación dixital”, explica a organización do CIP.

PUBLICIDADE