O correo electrónico de Outlook.com xa pode consultarse a través de IMAP

venres, 13 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que Gmail estea a dominar os servizos de correo electrónico de balde, Microsoft non o está a facer nada mal con seu Outlook (servizo que colle o relevo de Hotmail) e aparte de permitir o acceso aos seu sistema a través da web ou mediante os protocolos POP3 e Microsoft Exchange, anuncia agora a dispoñibilidade de IMAP (e OAuth) para o seu correo electrónico, o que resulta especialmente interesante para os usuarios que queiran acceder ao seu e-mail dende dispositivos móbiles e aplicacións de escritorio, que na súa meirande parte son compatibles con IMAP.
Aínda que dende Microsoft prefiren o uso de Exchance ActiveSync (por ser eficiente e aproximarse á sincronización en tempo real), decidiron incorporar a Outlook.com tamén o vello protocolo IMAP, facilitando así un mellor aproveitamento do seu e-mail en plataformas que non conten co soporte de EAS.
Para configurar as contas de Outlook.com mediante IMAP deberemos elixir como servidor de entrada imap-mail.outlook.com no porto 993 e con encriptación SSL, mentres que o correo de saída corresponderalle ao servidor smtp-mail.outlook.com no porto 587 con encriptación TLS.
Aparte de IMAP, Outlook.com tamén está a integrar na súa bandexa de entrada outros servizos de terceiros como Tripit, Sift, Slice, motley*bunch, Unroll.me, Otherinbox e Context.IO, que agora poden aproveitar o correo electrónico de Microsoft para achegar as súas vantaxes.

PUBLICIDADE