O consorcio WiMove obtén os apoios precisos para impulsar na nosa terra a banda larga móbil 4G

luns, 2 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

A galega Arteixo Telecom vén de recibir un novo pulo á súa innovación. Segundo informa polo miúdo a empresa con sede nas Pontes nun comunicado, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) aprobou a solicitude de acceso ás axudas de Fondo Tecnolóxico achegada polo consorcio WiMove, que lidera Arteixo Telecom. Este apoio do Fondo de I+D europeo permitirá, entre outras cousas, o desenvolvemento dun proxecto de innovación no que participan cinco empresas galegas do sector ás que se lles vén de sumar un centro tecnolóxico. O obxectivo deste proxecto non é outro que o deseño e posta no mercado de equipos e solucións para redes sen fíos móbiles de banda larga 4G, sobre o alicerce das dúas tecnoloxías que se impoñen: LTE e WiMAX. En definitiva, segundo informa Arteixo Telecom, estaríaselle abrindo á porta ao móbil do futuro con selo galego, amais de solucionar unha parte importante dos desequilibrios comunicacionais que ten a nosa terra con respecto a outras zonas de orografía menos accidentada.
Volvendo ás ditas tecnoloxías LTE e WiMAX, dicir que se trata de dúas solucións ben semellantes e cuxo eido de acción virá determinado polas características de cada caso, “aínda que as súas semellanzas propician o deseño de sistemas e equipos con moitos elementos comúns, o que permite abranguer de xeito simultáneo o mercado dos grandes operadores móbiles e os mercados de nicho”, sinálase dende Arteixo Telecom. A xuízo da empresa, o mercado de banda larga móbil ten unhas “enormes expectativas de medre nun futuro a curto prazo”. Así, WiMove traballará no desenvolvemento de equipos de medida profesionais para o despregue de ditas redes 4G; equipos para redes sen fíos IP; dispositivos de rede de área persoal para achegar capilaridade ás redes 4G, e lóxicas de provisión para a xestión de explotación destas redes. O proxecto conta de partida un investimento próximo aos tres millóns de euros, e está previsto darlle forma nun prazo de 36 meses.
Segundo engade a empresa con sede nas Pontes facendo referencia ao potencial deste tipo de infraestruturas nun contexto xeográfico e social coma o noso, as redes sen fíos de banda larga 4G teñen un interese que vai alén das consideracións de negocio, “xa que este tipo de recursos están chamados a ser un elemento clave para superar a desvantaxe que supón a abrupta orografía da comunidade galega no acceso a servizos eficaces de telecomunicacións”. Isto, sinálase, será posible porque WiMAX e LTE traballan en bandas de frecuencia máis baixas e con mellores condicións de espallamento cás solucións actuais.

PUBLICIDADE