O congreso InLugo redobra participación e deixa fonda pegada nas redes sociais

luns, 9 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Finalmente celebrouse a nova edición do Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais, #InLugo14, un evento que veu da man da Deputación e que, segundo informa o organismo provincial, “foi quen de redobrar o éxito de participación e seguimento acadado na primeira entrega, consolidándose deste xeito como escaparate único para proxectar a provincia no exterior”. Para facérmonos unha idea da pegada deste evento, dende o primeiro intre (as catro horas da sesión de apertura) foi quen de converterse en trending topic a nivel español na rede social Twitter, amais dun dos temas máis comentados no seu momento (case 400 usuarios da dita rede usaron a etiqueta InLugo, con máis de 1.500 aparicións e até 4 millóns de impresións).
A maiores, a Deputación informa tamén que a retransmisión en streaming das conferencias rexistrou máis de 1.500 entradas, con subas de 160 persoas conectadas ao mesmo tempo durante o relatorio do xornalista, escritor e correspondente de guerra Ramón Lobo, que segundo engade o organismo provincial foi o acto que acadou máis poder de convocatoria. Outro punto que suscitou gran interese foi o desenvolvemento este sábado de Lugo na Rede, unha sesión na que se deron a coñecer cinco empresas e proxectos ligados a Internet. Participaron Elio Laureano, de Didimox; Hugo Iglesias, de Miramar Cruceiros e Nudoss; Rubén Pérez e Kathryn Phillips, Don´t be a foreigner; Santiago Martínez, Ocio en Galicia - Ocio en Lugo; e Tamara Raposo, xornalista e experta en coordinación de comunidades dixitais. Tamén acadou moita atención na mañá da segunda xornada de actividades (a xornada deste sábado) o relatorio de Juan García, director de AdamaWeb e editor de Blogoff, galardoado polo xornal 20 Minutos como mellor blog de tecnoloxía 2007 e segundo premio Bitácoras 2011, que falou en detalle sobre alfabetización dixital.

Cerimonia de entrega de premios de InLugo

Por outra banda, informar tamén que na segunda xornada de actividades entregáronse os Segundos Premios InLugo, cos que a organización quixo recoñecer as iniciativas, persoas ou organizacións da provincia que estean a salientar “no bo uso de Internet e as novas tecnoloxías en diferentes ámbitos de actividade”. O xurado, formado por membros da Deputación, deixou o palmarés da seguinte maneira:
· Comercio, lecer e restauración
Mi pequeño vestidor
· Educación e formación
Karma y yoga
· Cultura e sociedade
Cool Films Galicia
· Tecnoloxía
Vamos a vidas

PUBLICIDADE