O coñecemento na era tecnolóxica, polo miúdo en Santiago nas xornadas Digitalia Humanistica

venres, 28 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Santiago de Compostela acollerá do 11 ao 13 de marzo as xornadas Digitalia Humanistica, organizadas polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta, coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o patrocinio das empresas Atos e NetApp. O programa de actividades inclúe 18 relatorios distribuídos en tres xornadas. Nelas abordaranse distintas temáticas: o concepto e as diferentes formulacións das humanidades dixitais, o impacto na era tecnolóxica nos arquivos, a presentación da experiencia e as oportunidades do CESGA nas tecnoloxías computacionais ou o desenvolvemento e resultados de diferentes proxectos neste ámbito científico. As xornadas están dirixidas a investigadores, profesores, técnicos, estudantes, empresas e profesionais TIC. Son de entrada libre sen previa reserva.
As actividades estarán coordinadas por José Antonio Berenguer (ILC-CSIC), Pablo Otero Piñeyro Maseda (IEGPS-CSIC-XuGa) e Emilio Abad Vidal (CESGA). Na inauguración, prevista para o mércores 11 de marzo ás 9.30 horas, participarán a directora da axencia GAIN, Patricia Argerey, o director do CESGA, Mauro Fernández Dabouza, e o director do IEGPS, Eduardo Pardo de Guevera y Valdés.
As xornadas desenvolveranse na sede do IEGPS, no Hospital de San Roque en Santiago. Concluirán cunha mesa redonda titulada Posibilidades, problemas e desafíos inmediatos das humanidades dixitais. Os relatores proceden de institutos de investigación do CSIC, CESGA, da Xunta de Galicia e de diversas universidades (Santiago de Compostela, A Coruña, Autónoma de Barcelona, Politécnica de Valencia, Complutense e Politécnica de Madrid, Viena, Cambridge), Fundación Ignacio Larramendi e Instituto Andaluz de Patrimonio Histórico.

PUBLICIDADE