O concurso coruñés A Maxia da Robótica entrega os seus galardóns

martes, 1 de decembro do 2020 S. P.

Finalmente celebrouse o pasado venres, no centro Ágora e con aforamento limitado, a final do concurso A Maxia da Robótica, organizado polo Concello da Coruña e máis a entidade divulgación Igaciencia. Ao abeiro deste último capítulo do certame, Jorge Gómez García, alumno de 4ª da ESO do IES Agra do Orzán, logrou o primeiro premio do concurso concedido polo Concello da Coruña. Coordinou a actividade neste centro a profesora Mª Jose Martínez Rey .
O segundo premio do Concello recalou en Daniel Güeto Sandás, un alumno de 1º de Bacharelato do IES Menéndez Pidal. Da coordinación da actividade neste centro encargouse a profesora Paz Freire Campo.
O Concello da Coruña concedeu dous premios de material por valor de 300 euros aos dous centros do termo municipal que obtiveron a mellor puntuación, un en cada unha das categorías.
Pola súa banda, Igaciencia concedeu o seu galardón a Adrián Barcia Mosquera de 4º da ESO do IES Carvalho Calero de Ferrol, cuxa coordinación da actividade correu a cargo da profesora Mª Anxos Ruiz-Matas García. O premio consistiu nun equipo LEGO NXT (válido para programar con EV3).
Á cerimonia de entrega asistiron o concelleiro de Educación, Jesús Celemín Santos, e o presidente de Igaciencia, Manuel Díaz Regueiro.


PUBLICIDADE