O concurso Pilabot fomentará a reciclaxe de baterías e pilas en 150 centros docentes

luns, 3 de decembro do 2018 Redacción

Nas escolas, reciclar pilas e baterías de todo tipo brinquedos e aparellos eléctricos e electrónicos, vai ter premio. Así o vén de dar a coñecer a Consellería de Medio Ambiente, que vén de pór en marcha un concurso capitaneado por un robot, Pilabot, e que abranguerá 150 mensaxes coa súa importante mensaxe de concienciación acerca do correcto tratamento dos ditos refugallos, moi perigosos para o noso medio natural. A iniciativa prolongarase durante cinco semanas e inclúe obradoiros, charlas, actividades participativas e e mesmo un concurso nas redes sociais. Será un certame de fotografía convocado baixo o cancelo #eusonpilabot e no que acadarán premio as tres fotos que acaden nas redes máis gústame.
No programa participará alumnado de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia. Para tentar chegar mellor á rapazada, a campaña inclúe como actividade estrela un concurso de reciclaxe maneira que os centros participantes que consigan as mellores cifras de recollida recibirán un premio económico, que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo para actividades educativas. Fixaranse catro premios: dous, dotados con 2.500 euros cada un, para o centro escolar que máis quilos de pilas reúna e tamén para o centro que máis quilos recolla por alumno; e outros dous, de 1.250 euros, para o colexio que quede en segunda posición en ambas categorías.
A campaña Pilabot, que se pon en marcha coa colaboración dos xestores de Ecopilas, ERP e Ecolec, tamén incluirá accións informativas e charlas educativas nos centros, coa entrega de información e material sobre a campaña, e sobre a reciclaxe de pilas.
A campaña Pilabot, que ten como mascota un robot, arrincou oficialmente o 1 de outubro coa presentación e xestión das inscricións nos centros e prolongará as súas actividades até o mes de marzo, cunha festa final e a entrega de premios aos gañadores das distintas actividades.

PUBLICIDADE