O compostelán Óscar de Toro fará o Camiño de Santiago baixo a fórmula do storytelling social

xoves, 16 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

O Camiño de Santiago pódese facer no plano físico e tamén no plano dixital. Por outra banda, nada impide facelo á vez nos dous planos, complementando un co outro e integrándoos até que nin sequera se distingan. Esa é a idea do compostelán Óscar de Toro a través da súa iniciativa #OscarOnTheWay, que comeza o vindeiro día 19 no Cebreiro (Os Ancares) e que ten como obxectivo fundamental “reivindicar o Camiño como lugar de reflexión, encontro e solidariedade”. A acción, di Óscar, é unha homenaxe aos camiñantes, “aos que quero agradecer o seu esforzo e que sintan o ánimo e a hospitalidade dos galegos”.
Durante as etapas, engade, fomentarase tamén o coñecemento da nosa terra, facendo fincapé nos seus habitantes e, tamén, no que achegan ao mundo en materia de produtos gastronómicos e servizos de todo tipo (aquí entra en xogo a colaboración na experiencia de Óscar dun variado abano de empresas galegas, ás que cómpre sumar o apio de institucións e organismos como Galicia Calidade).
Como dixemos, o percorrido de Óscar de Toro comeza o domingo no Cebreiro e remata o Día da Patria, o 25 de xullo na Praza do Obradoiro. “Na acción”, comenta Óscar, “xogarán un papel fundamental os propios peregrinos e as redes sociais”. Así, durante o sete días de itinerario difundirase de continuo na Internet e nas comunidades 2.0 todo o que nel aconteza. A idea, engade o protagonista de #OscarOnTheWay, é ir alén do concepto de blogtrip, que é dar forma a un caderno en liña de viaxes que acompañe en tempo real á viaxe mesma. Por esta razón, Óscar impulsará a metodoloxía do “storytelling social”, apostando por unha fórmula que inclúe, entre outros ingredientes, unha difusión 2.0 con conexións en directo e cun formato nun 90% de vídeo . Así, en cada unha das etapas realizaranse a diario dúas conexións en directo, que se poderán ver a través de YouTube, desde lugares emblemáticos e localidades importantes e representativas do Camiño. Así mesmo, ao longo de cada unha das xornadas diferentes pezas gráficas irán amosando a interacción de Óscar de Toro cos camiñantes e os produtos das empresas colaboradoras.
O seguimento das accións poderá levarse a cabo desde as canles 2.0 de Galicia Calidade (Youtube, Facebook e Twitter) e xa desde alí difundiranse e compartiranse polo resto de persoas que acompañarán ao protagonista da acción. Segundo informan, “a interactividade a través de Twitter e Facebook será total en todo intre e poranse en marcha dous concursos, un de fotografía do Camiño a través de Instagram, e outro en Facebook no que o premio é unha xoia relacionada co Camiño”.

PUBLICIDADE