O compostelán Lolo Rey achegou as empresas colombianas á mercadotecnia dixital avanzada

luns, 12 de decembro do 2016 Redacción

O pasado 17 de novembro celebrouse en Bogotá a edición 2016 dun dos grandes eventos latinoamericanos da tempada: o salón DIMA Digital Marketing Summit. O obxectivo deste encontro, que reuniu a algúns dos principais especialistas internacionais en materia de mercadotecnia dixital, foi analizar a contorna actual das estratexias dixitais que están a ser tendencia no ambiente empresarial. Ademais, xa nun plano máis local, congregou ás maiores empresas colombianas que están a facer máis e meirandes esforzos para atopar as estratexias máis rendíbeis de promoción e medre. No evento, por certo, houbo presenza galega: a do compostelán Lolo Rey, único representante estatal no programa de relatores do congreso.
Rey, concretamente, participou coa conferencia Web Analitics: Cando nunha campaña interveñen varias axencias, e ao final ninguén sabe o que hai que medir. Na súa intervención, salientou a importancia de avaliar e medir polo miúdo os resultados dunha campaña de mercadotecnia dixital “co fin de evitar que traballemos a cegas”. O consultor tecnolóxico galego tamén fixo fincapé nas importantes oportunidades que se abren en América Latina no ámbito do marketing dixital, onde a súa experiencia recente lle valeu para atopar “un gran potencial” e observar “un gran interese nas empresas colombianas por seguir aprendendo”.
Rey, nado en Santiago de Compostela, é consultor externo de comercio electrónico e analítica web, así como responsábel de formación en diferentes axencias de mercadotecnia dixital en España. A maiores, é profesor de analítica web en IINM e de estratexias en mercadotecnia dixital no Master de Marketing Dixital da Universidade de Santiago de Compostela. Recentemente, ademais, incorporouse á Escola de Organización Industrial (EOI) como responsábel de co-working e especialista en proxectos dixitais Go2Work.

PUBLICIDADE