O comercio electrónico, entre os sectores de meirande potencial para a poboación desempregada de Compostela

venres, 29 de novembro do 2013 Redacción

Entre os sectores que loitan por abrollar e coller forza no medio a crise, salienta o do comercio electrónico. Así o fixeron saber a Cámara de Comercio e o Concello de Santiago na presentación dun estudo sociolóxico dirixido a pórlles nome aos eidos produtivos máis emerxentes e aos colectivos con meirande potencial de emprendemento na contorna de Santiago. O estudo foi dado a coñecer no Pazo de Congresos de Galicia no marco do Foro de Intrermediación e Emprego. A presentación estivo dirixida pola técnica de creación de empresas e responsábel do viveiro da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Cardeso. Baixo o epígrafe Os sectores económicos emerxentes e novos nichos de emprego para a promoción do emprendemento, o traballo céntrase pois en avaliar polo miúdo os sectores emerxentes nos que a poboación parada de Santiago pode atopar un oco para a súa creatividade e iniciar proxectos.
O estudo afonda tamén nos incentivos a atrancos para os devanditos retos de creación de novas empresas, e máis nas posibilidades do mercado para asumir novas actividades económicas. “Nun contexto xeral”, informouse na presentación, “un 4,7 por cento da poboación galega está emprendendo, e o seu perfil caracterízase por ser urbano, feminino nun 43 por cento, cunha idade media de 37 anos e un 25 por cento dos casos con estudos universitarios”. A investigación fíxose nestes tres últimos meses a través de fichas técnicas a desempregados, para as que se elaboraron 300 enquisas a persoas paradas de entre 18 e 64 anos. O traballo de investigación ten un contexto xeográfico definido: o da cidade de Santiago e a súa contorna, “vertebradas polo turismo, a universidade, o comercio e a súa condición de capitalidade administrativa de Galicia”, sinálase. Como sectores ou actividades emerxentes na área de Santiago, o estudo salienta o desenvolvemento tecnolóxico, o comercio electrónico, os produtos e servizos de baixo custe, a hostalería e o turismo, a atención social, os econegocios e os servizos auxiliares.
Na investigación sinálase tamén que Santiago conta arestora cuns 9.000 parados (procedentes a maioría do sector servizos), e que a unha terceira parte deles atráelles a experiencia do autoemprego, especialmente a mulleres e aos máis novos, e un 16 por cento conta con proxectos previos no terreo do emprendemento.
Pola súa parte, as empresas participantes na sondaxe aconsellan aos futuros emprendedores “estudar o mercado, traballar duro e ser constantes”. Os parados, porén, engaden ao traballo duro ter unha idea de éxito e contar cun bo plan de negocio. No caso de optar polo autoemprego, un 8 por cento dos composteláns parados apostan por un proxecto online e un 71 por cento por un negocio tradicional.

PUBLICIDADE