O comercio de dominios medra nun 6,5% no primeiro trimestre de 2009

luns, 25 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

A crise, sen ser realmente selectiva, semella que ten máis capacidade para afundir certos sectores económicos, sobre todo aqueles que máis relación teñen co período previo de bonanza do que inevitablemente xorde un parón produtivo. Con maior ou menor fortuna, a Rede e as empresas ligadas a ela seguen a pisar firme no medio e medio da treboada, tal e como se pode desprender do bo intre de forma polo que atravesa o comercio de dominios. A xulgar por datos achegados pola plataforma de compravenda de espazos na Rede Sedo.com, este mercado virtual específico non só está a deixar atrás as peores consecuencias derivadas da crise financeira, senón que mesmo se pode permitir o luxo de medrar. E con pulo: o ano 2009 comezou cun incremento no número de vendas do 6,5%.
O estudo desta firma, que podemos ver polo miúdo na súa web en formato pdf, tamén achega datos máis concretos sobre o que se vendeu a longo do primeiro trimestre de 2009 (un total de 9.326 dominios), con que extensións (as estrelas do mercado seguen a ser os de primeiro nivel, com, .net, .org, .biz, und e .info) e a que prezos (o máis caro dos que vendeu Sedo durante o período saíu cun custe de 1,6 millóns de dólares: fly.com).
O reconto de datos especifica a maiores cal é dominio de país máis activo (neste intre o .de alemán, que segue como número 1 das vendas, situándose a terminación .es de España cun 7% do mercado mundial de dominios).

PUBLICIDADE