O colectivo Máis Galiza presenta páxina web

venres, 23 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Máis Galiza, o colectivo antes chamado Máis BNG e +BNG, vén de pór en marcha a súa páxina web, espazo informativo en Internet que salienta pola limpeza de recursos e pola súa funcionalidade á hora de chegar aos mesmos. A páxina, que xorde con vontade de ser útil e de evitar que os internautas perdan o menor tempo posible entre o intre que dan con ela e o acceso á información desexada, resume a través de artigos de opinión, novas, vídeos e convocatorias o ideario desta corrente interna do Bloque Nacionalista Galego, xurdida en 2009.
A web, que non abrolla estes días por casualidade (ao coincidir cos festexos do Día da Patria, este domingo 25 de xullo), inclúe unha axenda coas principais actividades desta plataforma (como por exemplo a presentación da mesma e da súa páxina web no eido do Festigal) e artigos de opinión dalgúns dos seus principais representantes, como por exemplo Carlos Aymerich ou a ex conselleira Teresa Táboas. A nova proposta web aparece estes días comentada en Chuza!

PUBLICIDADE