O código aberto supuxo nas institucións europeas un aforro mínimo anual de 114.000 millóns de euros

venres, 12 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Exterior da sede do centro estatal de software libre CENATIC

Seguimos a falar de programas open source e das vantaxes que non só teñen para o usuario de a pé, ou as empresas, senón tamén para as entidades que dalgunha maneira máis obrigadas están a ser eficientes cos seus recursos e dar exemplo de sustentabilidade e eficacia. Falamos das administracións. Cara a estas diríxese, precisamente, o máis recente informe de CENATIC, o Centro Nacional de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas, que nos lembra no seu Impacto da reutilización do software de fontes abertas na Economía, elaborado polo experto internacional Carlo Daffara en colaboración con investigadores do dito centro, que reempregar este tipo de recursos na Administración Pública non só xera importantes aforros, senón tamén maior colaboración e independencia tecnolóxica. O informe, dispoñíbel en pdf, amosa por vez primeira en España os resultados da metodoloxía de análise sobre o impacto económico da reutilización de software.
En concreto, sinala CENATIC, a investigación amosa a pegada económica inmediato en termos de aforro e produtividade que se obtén ao reutilizar código aberto por parte das institucións, e xestionar o seu sostemento e evolución a través de comunidades. Unha estimación á baixa destes efectos, cóntase, achega un resultado de 114.000 millóns de euros ao ano en aforros en Europa grazas a efectos como o aforro directo, a redución da taxa de fracaso nos proxectos, a mellora dos custos de mantemento (que equivale ao 30% do mercado global de software e servizos), e o feito de que ao reverter estes aforros de forma interna en tecnoloxía, créase unha mellora en termos de produtividade e eficiencia de polo menos 342.000 millóns de euros anuais, “o que constitúe unha contribución decisiva ao medre da economía europea”, infórmase na investigación, cuxo valor reside tamén, polo tanto, no feito de ter convertido en visíbel o que até o de agora fica entre brétemas: o cálculo concreto do aforro procedente dos recursos TIC abertos. Este cómputo era materia pendente, e máis tendo en conta a gran cantidade de variábeis implicadas no uso ou reutilización de código, xa sexa para crear novos programas, utilizar ou migrar, facelo en solitario ou en colaboración, apoiarse ou non nunha comunidade de desenvolvemento, etc.
O presente informe, engade CENATIC, baséase en datos públicos, procedentes de investigacións e estudos estatísticos da comunidade científica, diversas métricas de enxeñaría de software dispoñíbeis e o uso de índices coñecidos ou estimábeis como a porcentaxe de gasto en software en Europa, así como a súa distribución. A partir da escolma destes datos e diversas colaboracións coa Universidade de Oxford, CENATIC desenvolveu un modelo e unha metodoloxía que permite estimar aforros derivados da reutilización de código e mellorar a sustentabilidade dos mesmos en todos os ámbitos tecnolóxicos, especialmente no sector público.
Polo tanto, o estudo achéganos unha cifra estimada de 114.000 millóns de euros ao ano. “Neste cálculo”, engaden os seus responsábeis, “considerouse ademais o custo dos riscos asociados a incorporar software de terceiros no desenvolvemento, e o custo de adaptar e incorporar devandito software, obténdose finalmente uns resultados sorprendentes: o volume de negocio total do mercado TIC europeo estímase en 374.000 millóns de euros/ano, e deles 224.000 millóns de euros/ano corresponden ao negocio total do mercado TIC europeo de deseño e desenvolvemento de software”. A mesma metodoloxía permitiu coñecer que da totalidade do código xerado, como media un 35% é software reutilizado e ademais de fontes abertas. E por tanto, só en custos directamente relacionados co propio desenvolvemento de código, o aforro a nivel europeo supón 75.000 millóns de euros ao ano.

PUBLICIDADE