O co-fundador do portal Boolino participa nunha xornada sobre literatura e ensino do CCG

luns, 29 de xuño do 2015 Redacción

O Consello da Cultura Galega vai organizar unha xornada de debate sobre o papel da literatura no ensino. O encontro, previsto para o vindeiro xoves 2 na sede do CCG en Raxoi (Santiago), centrará unha boa parte do seu programa en avaliar as posibilidades da educación literaria no fomento do espírito creativo, na capacidade de retención do coñecemento e no impulso da vontade crítica. En consecuencia, entre os piares da xornada estarán de xeito inevitábel as novas tecnoloxías, por ser estas o vieiro ao que boa parte dos nosos escolares acceden hoxe en día á narrativa, o ensaio ou a poesía. Entre outros expertos nestes novos xeitos de achegármonos aos libros, estará Sven Huber, un dos creadores do portal Boolino.
A cita, coordinada por Dolores Vilavedra e Teresa López, chámase O ensino da literatura a debate e está orientada sobre todo ao profesorado, para o que se reserva o 70% das prazas. A xornada, informa a organización, pretende tamén facer balance do lugar que vén ocupando a literatura nos curriculos escolares e reflexionar sobre o seu ensino. Para a coordinadora da xornada, Dolores Vilavedra, é tamén “outra forma de abordar a cultura galega a través dun dos seus puntos fortes, como é a literatura, na que temos autores e creadores moi destacados e permítenos unha análise do ensino desde outra perspectiva”.
O encontro comeza coa análise do marco legal no que se move o ensino da literatura. Para iso estará presente Noemí Álvarez Villar, asesora en materia de idiomas da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Canda ela a especialista en didáctica da lingua e da literatura (USC) Isabel Fernández López. Modera Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega e profesora de Pedagoxía Social (UDC).
Abordando as implicacións sociais e económicas da lectura, participarán na xornada o devandito Seven Huber, co-fundador de Boolino (portal web especializado na comercialización de libros para público infantil e xuvenil, unha start-up que naceu para aprender a ler a todos os membros da familia e que xa contaba o ano pasado con máis de 70.000 títulos dispoñíbeis); Xosé Manuel Moo, coordinador de edición educativa de Edicións Xerais de Galicia, e María Yáñez, co-fundadora da empresa tecnolóxica galega A Navalla Suíza, completan este panel.
Xa na sesión da tarde analizarase como lle afecta a contorna dixital a este temática, coas intervencións de dúas persoas especialistas na materia. Dunha banda, Laura Borrás, profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada (UB) e directora da Institució de les Lletres Catalanes. Da outra, José Rovira Collado, membro do Departamento de Innovación e Formación Didáctica da Universitat d´Alacant.
Pechan a cita as experiencias de Espazo Lectura, da man da súa presidenta, Concha Costas; da Editorial Galaxia, con Francisco Castro; e do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, con Paco Díaz, asesor de formación do ámbito lingüístico.

PUBLICIDADE