O ciclo Conecta LAB mostrará na Rede as experiencias de 14 creadores

luns, 4 de abril do 2022 S. P.

Este luns 4 de abril reuníanse o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, máis o presidente e o secretario da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA, Fon Cortizo e Álvaro Gago, para achegar detalles relevantes do ciclo Conecta LAB de encontros profesionais en liña. O programa, que conta coa axuda da Fundación SGAE, artéllase arredor de sete sesións a través da plataforma Zoom, nas que 14 multifacéticos creadores compartirán as súas opinións de cara ao proceso creativo no cinema e na televisión.
Os encontros desenvolverase entre o 7 de abril e o 11 de xuño. Engadir que existe un límite máximo de 100 persoas, con prioridade para as pertencentes á asociación.
A primeira das citas será o xoves 7 de abril, e nela afondarase no financiamento, produción, distribución e venda de proxectos autorais da man da directora, guionista e produtora Andrea Jaurrieta, quen debutou coa premiada Ana de día. Logo, o 12 de abril haberá unha mesa redonda sobre procesos creativos no cinema de animación cos realizadores Gabriel Bohmer, Khris Cembe e Camila Kater.
O 21 de abril será a quenda das series nunha sesión protagonizada por Claudia Costafreda e Mikel Rueda para falar dos seus traballos Cardo ou Veneno, respectivamente. O día 28 desenvolverase outra mesa redonda coas creadoras Heidi Hassan, Patricia Pérez e Nuria Giménez sobre os procesos na non-ficción, no cinema do eu e na montaxe a partir de material de arquivo (found footage e collage animado).
Xa en maio, o día 19 Ana Pfaff e Ariadna Ribas, do colectivo Dostopos, tratarán sobre montaxe e procesos de creación colectiva; o día 26 Neus Ballús e Gerard Oms reflexionarán sobre o traballo con actores e actrices naturais empregando como base a experiencia conxunta no filme Sis dies corrents. O actor, profesor e director teatral Víctor Duplá pechará o ciclo Conecta LAB cun obradoiro práctico sobre o traballo cos intérpretes, que será o 11 de xuño en horario de mañá e tarde.

PUBLICIDADE