O certame Pilabot resólvese con 44 toneladas de pilas e baterías recollidas nos colexios

luns, 11 de marzo do 2019 Redacción

Xa temos datos de participación ao abeiro da campaña de sensibilización ambiental Pilabot que impulsa a Consellería de Medio Ambiente para fomentar a recollida selectiva de pilas, baterías de todo tipo de dispositivos eléctricos e electrónicos e acumuladores portátiles entre a poboación escolar e as súas familias. A campaña, que tivo feitura de concurso, desenvolveuse entre o 26 de novembro de 2018 e o 11 de febreiro deste ano en 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia e que se saldou coa recollida de preto de 44 toneladas dos devanditos materiais.
Os centros gañadores do certame son o CEIP de Caión (A Laracha), o CPR Plurilingüe La Purísima (Ourense) e o CRA Amencer (Ribadavia). Estes tres colexios conseguiron as mellores cifras de recuperación nas dúas categorías nas que se dividía o concurso: quilos de pilas, baterías e acumuladores recompilados nos contedores dos propios centros; e cifras de recollida por alumno.
Máis polo miúdo, o Centro de Educación Infantil e Primaria de Caión levouse o primeiro posto en termos absolutos, xa que durante os dous meses e medio que durou a iniciativa recolleu un total de 1.382 quilos de pilas e baterías nas súas instalacións. Este colexio resultou galardoado por partida dupla, xa que tamén acadou a segunda posición na clasificación de quilos recompilados por alumno, cun total de 37 quilos por cada estudante.
O Colexio Plurilingüe La Purísima de Ourense ficou en segunda posición en canto a cifras globais de recollida, cun total de 1.115 quilos; mentres que o Centro Rural Agrupado (CRA) Amencer logrou as mellores cifras de material recuperado en relación ao seu alumnado: 65 quilos por estudante.
Os tres centros recibirán un recoñecemento económico que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo. Os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.
A entrega de galardóns terá lugar no Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago, o 4 de xuño. A este acto acudirán representantes de todos os centros distinguidos e tamén o alumnado gañador do certame individual de fotografía artística #eusonpilabot, que se desenvolveu de forma paralela e co mesmo fin que o concurso de recollida de pilas. As gañadoras deste certame fotográfico, cuxas obras se deron a coñecer o mes pasado a través de Facebook tras elixir as mellores instantáneas de entre os 80 participantes, son Sofía Iglesias, estudante do CPI Castro Baxoi de Miño; Nadia Carballo, do CEIP Lamas de Abade de Santiago de Compostela; e Nerea López, alumna do CRA Amencer de Ribadavia.
A campaña
A campaña Pilabot, posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente coa colaboración dos xestores de Ecopilas, ERP e Ecolec, arrincou oficialmente o pasado 1 de outubro coa presentación e xestión das inscricións dos centros educativos interesados en participar. En total, 150 colexios de toda Galicia (53 da provincia de A Coruña; 15 de Lugo; 31 de Ourense; e 51 de Pontevedra) están adheridos a Pilabot para o curso 2018-2019.
Esta campaña incluíu como “actividade estrela” o dito concurso de reciclaxe de pilas, de forma que os centros participantes que conseguisen as mellores cifras de recollida recibisen un premio económico para a compra de material escolar ou deportivo. Fixáronse catro premios: dous, dotados con 2.500 euros cada un, para o centro escolar que máis quilos de pilas reunise e tamén para o que máis quilos recollese por alumno; e outros dous, de 1.250 euros, para os colexios que ficasen en segunda posición.

PUBLICIDADE