O certame Galetiktokers celebra a súa terceira edición con 1.800 euros en premios

luns, 26 de setembro do 2022 S. P.

As áreas de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames retoman por terceiro ano o certame Galetiktokers, en palabras destes departamentos “unha oportunidade para que a mocidade se sume á creación de novos formatos co galego como marca de identidade”. As pezas audiovisuais que concorran, creadas seguindo o estilo da rede social TikTok, optan este ano a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios. O anfiteatro do Milladoiro acolleu este luns 26 a presentación da terceira edición do certame.
Ao acto asistiron a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; Rosa Moreiras e Pili Villaverde, técnicas dos departamentos de Normalización Lingüística e da OMIX; Paula Chaves, coñecida artisticamente como Pauliña, que presentará a gala de entrega de premios, e persoal da empresa de comunicación Xurdir.
“Queremos achegarnos á mocidade nun dos formatos que lles resulta máis interesante. As redes sociais son unha das formas principais de comunicarse dos mozos e mozas e polo tanto buscamos xuntar as dúas cuestións: as redes sociais e a comunicación co fomento da lingua galega”, sinalou Pampín, engadindo que “todo será ben recibido, que deixen a vergoña metida nun caixón e que nos acheguen esas creacións co talento que caracteriza ás mozas e mozos de Ames”.
No mesmo senso pronunciouse a artista Paula Chaves, máis coñecida como Pauliña. “Convídovos a participar a todos os que fagades contido en galego, xa sexa cómico, a prol da lingua, ou o que queirades. Todo vale mentres esteades etiquetadas no Instagram da OMIX de Ames, onde se levará a cabo a votación dos vídeos, que deben durar entre 15 e 60 segundos”.
No certame poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 16 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 17 anos. Ao igual que na anterior edición, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.
Como novidade, esta edición repartirá seis premios de 300 euros. Catro dos galardóns decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, mentres que os outros dous serán escollidos polo público, que votará cun gústame os vídeos subidos ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames). Cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.
Os vídeos creados para o III Galetiktokers teñen que estar en lingua galega, e deben ser de creación propia a través da aplicación TikTok ou da sección Reels de Instagram, cunha duración de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. A temática é libre, polo que terán cabida no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, co baile, coa interpretación, co deporte ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.
Para participar no certame, cómpre enviar ao enderezo electrónico galetiktokers22@gmail.com a seguinte ficha de participación cuberta e asinada, ademais do propio vídeo que se presenta no concurso. O prazo de inscrición rematará o 21 de outubro de 2022. A organización comprobará que se cumpren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.
Todas as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames), co cancelo #galetiktokers.

PUBLICIDADE