O centro galego IMEDIR achega tecnoloxía para permitir a vida TIC de persoas con diversidade funcional
venres, 1 de marzo do 2013
A
Universidade de Coruña segue dar mostras de estar na vangarda da
investigación en e-Saúde, é dicir, no desenvolvemento e
aproveitamento de novas tecnoloxías de información para mellorar,
en calquera das súas manifestacións e tipoloxías, a atención
sanitaria. Sobre todo, facendo fincapé nos colectivos en risco de
exclusión social ou con características que os afastan da autonomía
diaria. Este compromiso pola e-Saúde témolo visto nas
achegas do CITIC, nos importantes
achados do Laboratorio
de I+D de Intelixencia Artificial da UDC ou no
labor da unidade UCATEA no achegamento das TIC aos devanditos
colectivos. Agora, é a quenda dos integrantes
do Centro de Informática Médica e Diagnóstico Radiolóxico,
IMEDIR, dos que falamos
recentemente para dar conta dun importante recoñecemento aos
seus esforzos por converter en realidade, a través de tecnoloxía de
seu, o acceso ao computador de persoas con lesión medular. Pois ben,
sobre esa experiencia volven estar de actualidade con
In-TIC, aplicación que amplía as
potencialidades
e dá meirande
carta de oficialidade á
tecnoloxía devandita.
In-TIC,
máis polo miúdo, é unha tecnoloxía
pioneira ao servizo das persoas con diversidade funcional,
incrementando
así as súas opcións
de comunicación, aprendizaxe e lecer
a través dun acceso simplificado ao ordenador e ao móbil e un
comunicador dinámico. Segundo
informa a Universidade da Coruña, onde se insire IMEDIR, “as
súas características tanto de personalización como de acceso,
xunto coa súa distribución gratuíta, fan de In-TIC unha aplicación
única, xa que hoxe en día non existe ningún sistema semellante
a disposición dos colectivos con discapacidade”. A
iniciativa en cuestión, engádese, xorde dunha colaboración entre a UDC
e a Fundación Orange, co patrocinio do Plan Avanza do Ministerio de
Industria, Turismo e Comercio. Ademais conta con diversas entidades
colaboradoras, como ASPACE Coruña (Asociación de Pais de Nenos con
Parálise
Cerebral), o Centro de Día de Cruz Vermella da Coruña e ASPANAES
(Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista da
Coruña).
A
aplicación creada polo Centro IMEDIR (grupo integrado por
investigadores/as das disciplinas de enxeñaría informática,
terapia ocupacional e logopedia), ten como obxectivo pór a
tecnoloxía ao servizo do usuario con diversidade funcional para
“facerlle a vida algo máis sinxela”. Entre as súas
características principais inclúese “un gran nivel de
simplificación”, factor fundamental para que a ferramenta
poida ser empregada polo máis amplo abano de persoas, facéndose
fincapé en usuarios con parálise cerebral, trastornos do espectro
autista, diversidades funcionais físicas e cognitivas ou
dificultades de visión. Asemade as persoas maiores ou dependentes
tamén poden atopar nesta ferramenta un importante instrumento para a
mellora da súa calidade de vida.
O
sistema permite o acceso á aplicación a través de pantalla táctil,
tablet, ratos, axudas técnicas de acceso ao ordenador,
premedores, teclados adaptados ou sistemas de varrido personalizados.
In-TIC
converteuse en realidade por medio de dous vieiros fundamentais: un
sistema de acceso simplificado á tecnoloxía (que permite crear
contornos personalizados para un acceso simplificado ao ordenador e
ao móbil), e un comunicador dinámico (para persoas que non teñan
adquirido a linguaxe oral ou teñan dificultades a nivel físico,
cognitivo ou sensorial). “En definitiva”, informa o Centro
IMEDIR, “o proxecto posibilita a accesibilidade
(chegar ás TIC), a usabilidade (facerse coas TIC) e a e-Inclusión;
por iso existen dúas interfaces diferentes: a do
usuario ou usuaria final e a do titor ou titora (familiares,
docentes, terapeutas e outro persoal de apoio), que poderán crear,
deseñar ou adaptar os teclados ou pantallas virtuais segundo as
necesidades específicas de cada persoa”.