O centro galego Gradiant deseña un sistema para favorecer o voto dos cidadáns embarcados

venres, 15 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

O sistema democrático, entre outras moitas eivas non visibles de boas primeiras, ten unha que se percibe con cada proceso electoral: a imposibilidade de achegar o voto para os colectivos que, polas razóns que sexan, non están en disposición de facer acto de presenza nos colexios ou ben de envialo por correo a tempo. Para o centro Gradiant de investigación é hora de comezar a pórlle remedio a este feito e dende as ideas e os desenvolvementos que fan posible a revolución das comunicacións pola vía do dixital. Nesta liña, o centro con sede en Vigo informou os días pasados do remate dun estudo de viabilidade dun sistema de votación electrónica para mariñeiros de altura, financiado polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño por encargo do Congreso dos Deputados.
O traballo serve entre outras cousas para dar forma a unha alternativa viable ao voto por correo, arestora dispoñible para as persoas desprazadas pero como ben saben os mariñeiros e os seus contornos familiares non sempre posible de aplicar, por exemplo cando saen de marea antes de que comece o prazo para o envío do voto por correo e volvan logo de que remate.
Para resolver estes e outros atrancos, Gradiant propuxo un sistema de voto electrónico remoto para o persoal embarcado que posibilite a achega do mesmo até no día sinalado para os comicios. “O sistema”, dise no centro de I+D, “subministrará os resultados dunha furna remota mediante unha conexión de datos, vía satélite ou a través doutra tecnoloxía de acceso que se teña por axeitada segundo o caso”. Con este obxectivo, afondouse no aproveitamento das ligazóns de datos que promove o dito Ministerio. Segundo engade Gradiant, a iniciativa podería valer tamén como alicerce que impulse o desenvolvemento dos mecanismos que hoxe rexen o voto no Estado, arestora cen por cen manuais agás en determinados casos de automatización do proceso. Este chimpo integral á dixitalización non puído facerse até o de agora polas feblezas propias das canles que posibilitan o envío remoto, tanto no que se refire ao software como no que atinxe ao hardware (o propio PC do usuario) e aos propios elementos de acceso á plataforma de voto. A cuestión é que estes contornos non acaban de achegar o nivel de seguridade requirido.
Porén, o sistema de Gradiant non ten estas feblezas. A xuízo dos responsables do centro, a clave está no emprego de hardware específico que “que evita a posibilidade de execución de programas infecciosos ou de modificación do software cargado no dispositivo, ó mesmo tempo que permite a realización de auditorías de seguridade tanto antes como despois do seu uso”. Asemade, puntualiza o centro galego, “explota técnicas criptográficas avanzadas para engadir seguridade e transparencia ó proceso de votación para o persoal embarcado, evitando os problemas de autenticación e solucionando ademais o problema dos prazos de entrega de documentación”.

PUBLICIDADE