O centro galego Economics for Energy presenta na Toxa unha plataforma europea de investigación en eficiencia

mércores, 25 de xuño do 2014 Redacción

Estes días estanse a xuntar na Toxa (O Grove) os especialistas internacionais máis destacados en materia de eficiencia enerxética e metodoloxías tecnolóxicas para acadarmos un emprego máis racional dos recursos, principalmente a nivel doméstico e empresarial. Falamos do Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental, unha xuntanza que xa anunciamos os días pasados e que vén da man do centro galego Economics for Energy. O evento, que se desenvolve hoxe e mañá 26 de xuño, serviu xa para dar presentar oficialmente a primeira plataforma europea de investigación sobre economía da eficiencia enerxética, Ergon.
O consorcio está formado por Economics for Energy, o Centro para a Investigación Económica Europea (ZEW, con sede en Alemaña), o Instituto Federal de Tecnoloxía de Zürich (ETH Zürich, en Suíza) e a Fundación Eni Enrico Mattei (FEEM, en Italia). Os catro coordinadores da plataforma, representantes dos centros socios, participaron na presentación: Xavier Labandeira, Andreas Loeschel, Massimo Filippini e Massimo Tavoni. O seu obxectivo será impulsar novas tecnoloxías e novos recursos de rendibilidade e de aforro de electricidade para os ámbitos do fogar, o transporte e as industrias.
Precisamente é o eido do fogar, sinalaron os responsábeis da plataforma, o eido que máis potencialidade amosa no devandito ámbito da eficiencia, en parte grazas ás tecnoloxías do fogar intelixente e das Smart Cities. Segundo fixeron saber os impulsores da plataforma, “os datos que manexa a comunidade científica sosteñen que un fogar medio español podería aforrar entre 450 e 680 euros ao ano con melloras no illamento e o cambio a sistemas de iluminación, equipos de calefacción e aparellos eléctricos e electrónicos máis eficientes”. A raíz de diferentes estudos revisados polo Panel Intergobernamental de Cambio Climático (IPCC) da ONU, estímase que un edificio de nova construción que incorpore os últimos avances tecnolóxicos e de deseño en materia de eficiencia pode reducir as súas necesidades enerxéticas até nun 75%. Así as cousas, engadiron, “as perspectivas a nivel mundial apuntan a que os sectores residencial e comercial presentan un potencial de aforro enerxético que podería alcanzar o 29% en 2020”.
Pero que é exactamente a eficiencia? En palabras de Labandeira, “a eficiencia enerxética implica poder facer o mesmo con menos enerxía, polo que é un medio para que as empresas e familias paguen menos polos seus consumos enerxéticos sen prexudicar o seu benestar, ao tempo que contribúe á redución de importacións de petróleo e gas e a limitación de emisións contaminantes, tanto a nivel local como no referente ao cambio climático”. Ao fío desta cuestión, os coordinadores de Ergon aproveitaron a oportunidade do evento tecnolóxico-enerxético na Toxa para recomendar á clase política “a aplicación de estratexias efectivas de apoio á eficiencia enerxética para fomentar o aforro e conter o cambio climático”. E máis se temos en conta que con estas medidas todos aforramos cartos, gañamos máis e por enriba de todo coidamos o medio ambiente, sinalou Labandeira.
Segundo engadiron, Ergon é a primeira iniciativa da súa índole en Europa, tomando o exemplo de plataformas como as participadas nos Estados Unidos por institucións de primeiro nivel como o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) e a Universidade de Berkeley. Ademais de estar aberta a novos centros europeos de referencia na materia que queiran unirse como socios, Ergon conta xa coa colaboración da Universidade do Estado de Arizona e prevé sumar novas alianzas a nivel mundial.
Especialistas dunha ducia de países
O Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental chega á súa sexta edición convertido “en cita de referencia a nivel mundial neste ámbito”, informa a organización. Os expertos de 11 países de todo o mundo que participarán no congreso presentan entre hoxe e mañá os resultados máis relevantes das súas últimas investigacións. Os relatorios científicos están a cargo dos maiores expertos a nivel internacional na materia, chegados de Alemaña, Italia, Francia, Suíza, Reino Unido, Portugal, Australia, Xapón, Estados Unidos, Chile, ademais de España.

PUBLICIDADE