O centro de servizos avanzados da Cidade das TIC dará o empuxón definitivo á dixitalización da economía

mércores, 1 de xullo do 2020 S. P.

Este primeiro de xullo déronse a coñecer máis detalles da Cidade das TIC e dun dos grandes proxectos aos que dará acubillo a nova andaina da Fábrica de Armas na Coruña: o seu centro de fabricación avanzada. A información veu dada polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral. Segundo fixeron saber, a nova iniciativa será unha infraestrutura aberta que permitirá ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos acceder a recursos extra para desenvolver novos produtos.
Conde, que apuntou que o noso sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) está demostrando a súa capacidade para dotar de competitividade ao tecido produtivo galego, sinalou que este centro “vai posibilitar seguir avanzando na transformación dixital da nosa terra”, salientando que se trata dun proxecto “de colaboración público-privada” que achegará instalacións para o desenvolvemento de novos proxectos e produtos, e trasladar eses novos prototipos e nova tecnoloxías ás pemes.
O conselleiro dixo que “o elemento innovador deste proxecto é que é unha infraestrutura aberta a calquera pequena e mediana empresa ou autónomo que queira utilizar estas instalacións”.
Conde lembrou que en 2021, arredor do 40% de todo o produto interior bruto en Europa vai estar dixitalizado, e polo tanto “as nosas empresas teñen este reto de adaptarse aos novos tempos e requirimentos e utilizar as novas tecnoloxías para adquirir competitividade”.
O Clúster TIC Galicia é o promotor do Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC, que, cunha achega da Xunta de 4,82 millóns de euros, contará con catro laboratorios para a realización de probas e con espazos para aloxar empresas do sector.
No encontro deste 1 de xullo, ademais do Clúster TIC e a UDC, estiveron representadas empresas e entidades socias ou futuras usuarias do centro de servizos avanzados como Imatia, Aldaba, Xoia, DosEspazos, Idom, e Egatel, ademais do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).

PUBLICIDADE