O centro de Mondariz contará cun sistema de reciclaxe e recollida integrada de aparellos electrónicos

xoves, 22 de febreiro do 2024 S. P.

O Concello de Mondariz instalará un sistema de reciclaxe integrada para a recollida selectiva de pequenos residuos específicos e altamente contaminantes. Así o informou este xoves 22 de febreiro a alcaldesa en funcións, Elena Naveira, engadindo que a iniciativa encádrase na campaña Da túa Man da Deputación de Pontevedra. En virtude disto, Mondariz contará cun punto de recollida de residuos sólidos de pequeno formato con espazos independentes de introdución e almacenaxe de distintos residuos (pilas, lámpadas, baterías, residuos electrónicos…).
Elena Naveira analizou este xoves o punto de localización do sistema, no centro de Mondariz, xunto ao equipo técnico do proxecto. Acordouse colocalo de xeito que sexa doado de identificar. Amais, a rexedora adiantou que o Concello colocará un tótem no centro urbano: un expositor dixital que permitirá difundir o comercio local, lugares de interese, eventos e as potencialidades de Mondariz. O tótem disporá tamén de entradas de USB para a carga de dispositivos electrónicos.
“Marcaremos unha folla de ruta que vaia dando pasos para pór en valor o noso comercio e modernizalo adaptándoo aos novos hábitos de consumo, formándoos no uso de novas tecnoloxías e promovendo a reciclaxe e a redución e reutilización de lixo”, sinalou a alcaldesa, engadindo que o proxecto Da túa Man tamén contempla campañas de comunicación e promoción en soportes dixitais, a adaptación da accesibilidade á contorna comercial, colocación de sinalética integrada, promoción de embalaxe sustentábel, instalación de illas ecolóxicas e sensibilización e formación teórica e práctica de habilidades e uso e xestión de ferramentas tecnolóxicas no comercio, entre outras accións.

PUBLICIDADE